O baixo prezo do leite deixa as granxas galegas sen 160 millóns

O Sindicato Labrego Galego non desbota levar este "abuso" por parte da industria ante a Xustiza.

Vacas pastando nunha leira (Xunta).
photo_camera Vacas pastando nunha leira (Xunta).

As granxas de leite da Galiza deixaron de ingresar o pasado ano 160 millóns de euros por vender a súa produción por debaixo do custos. Así se desprende dos cálculos realizados polo Sindicato Labrego Galego (SLG), que toma como referencia o Estudo de Custos e Rendas das Explotacións Agrarias do sector lácteo do Ministerio de Agricultura, que fixa en 39 céntimos o custo medio para producir un litro de leite de vaca nunha granxa galega, e que dista moito dos 32,3 céntimos que cobran hoxe pola súa produción.

"Se utilizásemos este custo de produción, que se incrementou nos últimos anos, e calculamos o diferencial do que perderon as nosas granxas por non ingresar eses cartos, só en 2019 o sector lácteo galego deixou de ingresar case 160 millóns de euros, o que supón unha media de máis de 13 millóns de euros por mes", apuntan desde o colectivo.

Cos datos na man, o Sindicato Labrego non desbota denunciar estes feitos ante a Axencia de Información e Control Alimentarios (Aica), ou mesmo presentar unha demanda xudicial semellante á que xa está en marcha contra o cartel do leite para denunciar unha situación "de pura extorsión no sector lácteo", no que segue sen existir a negociación entre as partes e a industria impón sistematicamente uns prezos por baixo dos custos de produción, e no que as organizacións de produtoras "non serven para nada".

A denuncia diante da Aica basearíase informe do Ministerio de Agricultura, que no caso galego analizou 64 explotacións de leite.

O resultado, un custo medio de produción de case 39 céntimos por litro, sendo o beneficio da actividade negativo, de -3'3 céntimos por litro. "Esta actividade ruinosa e con perdas quedaría compensada polas axudas desacopladas, que deixarían un beneficio final de 1 céntimo por litro. Se quitamos as axudas da ecuación, cada granxa tería unhas perdas de preto de 300 euros por vaca", apuntan desde o sindicato.

O feito de obrigar as granxas a vender por baixo de custo, remarcan, podería facer incorrer en fraude a maioría dos contratos asinados por incumprir a cláusula dos custos de produción.

Ademais, critican que as industrias seguen a impoñer a día de hoxe "uns prezos ruinosos, artificialmente baixos, amparándose en que as granxas subsisten coas axudas públicas".

Comentarios