domingo 12.07.2020

Piden o establecemento de contratos homologados en todas as DO e IXP para normalizar o prezo da uva

A Asociación Galega de Viticultura- Federación Rural galega (Fruga) pide á Consellería de Medio Rural que convoque a Mesa do Viño 

[Imaxe: Galipedia] Viñas de albariño
[Imaxe: Galipedia] Viñas de albariño

A Asociación Galega de Viticultura- Federación Rural galega (Fruga) pide á Consellería de Medio Rural que convoca para primeiros do mes de setembro a Mesa do Viño de Galiza, unha xuntanza na que se analice a situación da vendima próxima o establecemento dos contratos homologados en todas a Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas da Galiza.

“A vendima deste ano ven marcada pola mingua na produción como consecuencia dos efectos das enfermidades que este ano afectaron aos nosos viñedos, fundamentalmente o míldio, o black rot ou a posibilidade da aparición da botrite”, sinalan desde a Asociación galega de Viticultura, que lembra como o ano pasado a vendima xa estivo marcada por fenómenos como as xeadas.

Por iso, indican, “moito nos tememos que os prezos que nos ofrezan este ano sexan iguais ou mesmo inferiores aos do ano pasado, co que a rendabilidade das nosas explotacións vitícolas veranse seriamente ameazadas, tras dous anos seguidos de baixas producións e prezos que non compensan os gastos aos que nos vimos obrigados a enfrontar para non perder toda a colleita, de non mellorar as ofertas de prezo que nos están a facer as adegas”.

Esta inseguridade, aseguran, xa provoca un “progresivo abandono” de viñas antes traballadas por persoas que non tiñan no cultivo da vide a súa actividade principal mas que contribuían co seu traballo a manter vivo o rural.

Piden o establecemento de contratos homologados en todas as DO e IXP para normalizar o...
comentarios