As persoas aforradoras perderon 8.706 millóns no último ano pola inflación

A inflación non dá tregua. O seu impacto afecta toda a cadea económica, xerando un empobrecemento xeneralizado das maiorías sociais por diversas vías. As persoas aforradoras galegas viron reducido o valor efectivo dos seus depósitos en 8.706 millóns de euros durante a última anualidade.
Os aforros téñense incrementado na Galiza desde o primeiro trimestre de 2020 en 11.877 millóns de euros. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Os aforros téñense incrementado na Galiza desde o primeiro trimestre de 2020 en 11.877 millóns de euros. (Foto: Nós Diario)

Os últimos datos da inflación deixaron na Galiza unha suba interanual de 11%. A falla de confirmar as cifras definitivas para setembro, que no Estado deixaron unha suba de 9%, o país ven marcando no último ano un incremento dos prezos por riba da media estatal, situados en 10,5%, empuxado pola alza dos alimentos, da vivenda, do prezo da electricidade e dos combustíbeis.

A este respecto, economistas consideran que a suba do Índice dos Prezos ao Consumo (IPC) está moi ligada ao importante medre dos beneficios empresariais, sinalando, neste sentido, un informe do gabinete de estudos de Comisións Obreiras (CCOO), que no primeiro trimestre do ano as ganancias das empresas significaron 83% da inflación.

A alza dos prezos afecta ao poder adquisitivo por diversas vías. Así, a suba dos produtos básicos e da cesta da compra, cuxo incremento segundo a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) sitúase no último ano en 15,2%, impacta directamente no consumo, mediante unha caída do mesmo e unha mudanza nos seus hábitos. Ao tempo, a fenda cada día maior entre a alza da inflación e o incremento dos salarios reduce de forma constante a capacidade de compra daquelas persoas cuxos ingresos dependen das rendas do traballo.

Suba salarial

Os salarios no sector privado revalorizáronse no primeiro semestre do ano en 5,7%, isto é 5,3% por baixo do IPC. Segundo recolle o Observatorio da Negociación Colectiva do Consello Galego de Relacións Laborais, “o incremento salarial pactado nos convenios asinados e revisados na Galiza foi de 5,7%”. Porén, nos convenios de ámbito estatal de aplicación no país “o incremento salarial pactado nestes convenios -media ponderada- foi de 1,89%”, significándose unha importante diferenza entre uns e outros.

Malia rexistrar Galiza a maior alza salarial do conxunto estatal -3,2 puntos por riba da media-, a perda de poder adquisitivo no que vai de ano sitúase por diante de 5%.  As empregadas e os empregados públicos son outros dos perdedores nesta situación. A este respecto, o secretario nacional da CIG-Ensino, Xesús Bermello, apunta a unha perda de 33% do poder adquisitivo entre 2010 e 2024”.

Nesa dirección, significa que “neste ano vaise pactar que a suba retributiva sexa de 3,5%”, o que implica “unha perda do poder adquisitivo de 5,5%, como mínimo en 2022”. Na mesma liña, está previsto un incremento de 2,5% para 2023, que pode chegar a 3% se o IPC pasa de 6% e de 2% para 2024.

Desvalorización do aforro

O impacto da inflación no aforro é directo. A desvalorización deste como consecuencia da alza do IPC é moi grande, concretamente após alcanzar os depósitos máximos históricos nos últimos dous anos. Tanto é así que os aforros téñense incrementado na Galiza desde o primeiro trimestre de 2020 en 11.877 millóns de euros, isto é unha contía, practicamente equivalente, ao orzamento da Xunta de 2022. Neste caso, a súa incidencia afecta de forma moi especial aos pequenos e medianos aforradores, non proclives a optar por mecanismos de investimento, como acontece coas faccións de renda máis elevadas.

As últimas cifras fornecidas polo Banco de España, referidas ao primeiro semestre de 2022, sinalan que o total dos depósitos custodiados polas entidades de crédito con actividade na Galiza sitúase en 79.147 millóns de euros, a contía máis elevada de toda a serie histórica. Porén, rexistrándose no último ano unha inflación para o conxunto da Galiza de 11%, a capacidade adquisitiva real deses aforros fronte ao valor efectivo desa cantidade un ano antes é de 8.706 millóns de euros menos. 

Alza nas retribucións

A incidencia desta variábel ten un grande alcance na Galiza, dado o tradicional papel do país como aforrador neto e a redución do gasto nas últimas anualidades, que ten incrementado de forma significada o volume dos depósitos. Neste sentido, o aumento da retribución dos depósitos a longo prazo que ofertan algunhas entidades de crédito é máis aparente que real, xa que o referido incremento fica anulado polos efectos da inflación.

A lóxica dos salarios e as súas subas

Galiza, Euskadi e Nafarroa rexistraron as subas salariais máis elevadas do Estado. Mentres a revalorización salarial no conxunto estatal ficou en 2,5%, na Galiza chegou a 5,7% e en Euskadi alcanzou 5%, após a sinatura dos convenios sectoriais do metal en Guipuzkoa e da construción en Bizkaia cunha alza de 6,5%, tras un duro conflito laboral e un forte proceso de mobilización social.

Galiza é o segundo territorio do Estado con máis mobilización social. O propio Ministerio de Traballo sinala que, após Euskadi, o galego é o país onde se desenvolven máis xornadas de folga ao ano e dunha duración máis longa.

Comentarios