A patronal do comercio galego prevé un incremento dos fechamentos a finais de ano

O presidente da Federación, José María Seijas, asume que haberá despedidas porque o sector está a pasalo mal en toda Galiza. En calquera caso, resalta que o turismo nos municipios costeiros permitiu experimentar certa melloría. O obxectivo é remontar a nivel global no segundo trimestre do próximo exercicio.
Unha rúa comercial de Vigo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press) #comercio #economía #traballo
photo_camera Unha rúa comercial de Vigo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)

O sector do comercio vén de fechar unha tempada estival “mellor do que se agardaba”. Afírmao así o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, que recoñece que malia que “non se chegou a cifras de 2019, pouco a pouco se vai mellorando”.

En calquera caso, a situación non é estábel, nin moito menos, e a patronal prevé que se produza un incremento dos feches de cara a final de ano, no cuarto trimestre de 2021.

Seijas opina que ás despedidas polas xubilacións, porque xa se chegou aos anos necesarios para a cotización máxima ou porque non hai nova xeración que continúe cos pequenos negocios, vanse sumar aqueles estabelecementos que están nunha mala situación derivada da crise sanitaria.

Lamenta que as axudas non chegaran e que se deran “grandes complicacións para solicitalas”, o que tamén inflúe no destino deste sector, un dos que sostén un maior número de postos de traballo na Galiza xunto coa hostalaría.

Dado o endebedamento asumido e a posibilidade de que se dea algún repunte nos contaxios no inverno, parece asegurado que este mercado económico decrecerá.

Sobre os gastos que asfixian moitas empresas fala Seijas, que subliña que haberá comercios “que non poidan asumir a devolución dos créditos ICO, o regreso dos traballadores despois dos ERTE...” e o incremento constante da factura da luz tamén fai difícil a supervivencia de moitos porque “é un dos capítulos de gasto máis importantes” neste tipo de locais.

Ademais, malia que o stock de produtos non teña tanta saída como antes -cando os números xa non eran excesivos porque a recesión de 2008 non se superaba por completo- hai que investir nas novidades dificultando aínda máis ter un balance económico positivo.

O téxtil, o peor parado

O presidente da patronal considera que a situación é común a toda Galiza. Pero puntualiza que no verán houbo unha melloría nas zonas costeiras -debido á chegada de algo de turismo- con respecto ao interior.

O golpe máis profundo foi para o subsector do téxtil porque “non houbo tantas cerimonias” e, ademais, os confinamentos levaron a que as e os consumidores destinasen moitos menos cartos a roupa e calzado.

Neste contexto, a Federación prevé que a melloría real, a “recuperación e o crecemento nas ventas para normalizar a economía en xeral”, chegará “no segundo trimestre de 2022” salvo que haxa que lamentar novas restricións.

Comentarios