O pequeno comercio segue na incerteza

A pandemia agravou a situación que xa padecía o pequeno comercio galego. Algúns tiveron que fechar e os que resistiron admiten, segundo as organizacións que os representan, que foi por un esforzo propio e da veciñanza. Agora o gran perigo, segundo indican, é a competencia da venda online de grandes corporacións.
Rúa comercial de Vigo o pasado 17 de febreiro co inicio da desescalada (Marta Vázquez/ Europa Press)
photo_camera Rúa comercial de Vigo o pasado 17 de febreiro co inicio da desescalada (Marta Vázquez/ Europa Press)

A situación do pequeno comercio na Galiza non era boa cando chegou a pandemia. A presenza das grandes superficies e a venda por Internet minaron nos últimos anos un sector tradicional que na Galiza acolle, segundo os últimos datos, uns 32.000 negocios.

O presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seixas, confirma a Nós Diario que "o descenso das vendas comezou antes e a Covid-19 agravou esta circunstancia". Constata que hai unha "grande incerteza por non saber o que vai pasar". Cando estamos xa na desescalada neste sector preocupa o futuro dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) no que aínda están boa parte dos negocios.

Seixas alerta de que "probabelmente non se poida recuperar o total dos cadros de persoal que agora mesmo están nesa circunstancia". Aínda así é optimista e asegura que se nota "algo máis de actividade" e fala de "certa mellora" nas vendas en relación ao ano pasado, unha situación que atribúe ao "avance da vacinación, á desaparición da maior parte das restricións e á xente perdeu o medo a saír". 

Coincide nesta apreciación Ainhoa Carracedo, xerente do Centro Comercial Aberto do Barco de Valdeorras. "Houbo un esforzo por parte dos propios comerciantes e un apoio total desde a veciñanza para chegar aquí", explica a Nós Diario. Fala de "recuperación lenta" que deixou polo camiño "algúns que tiveron que fechar, aínda que tamén agora vemos como hai algunha apertura", unha circunstancia que para ela indica que "segue a estar presente unha aposta polo comercio de proximidade". 

En Carballo, o presidente do seu Centro Comercial Aberto, Germán Ribeiro, tamén botou en falta un maior número de vendas. "Salvounos a propia clientela e contar con produtos de calidade", asegura.

A competencia na venda en liña

Desde a Federación sinalan que a "batalla" coas grandes superficies xa se clarificou e agora o perigo chega desde a competencia da venda online. "Son eses grandes monstros que nós afectan a todos e que, ademais, non pagan impostos como facemos todos", denuncia Seixas, "agardemos que coa nova lexislación pasen a pagar alí onde vendan para que haxa igualdade", engade.

Este organismo creou unha plataforma dixital coa idea de facilitar o acceso ao pequeno comercio. "Para subsistir hai que contar, ademais de coa presenza física, coa virtual", indica Seixas. 

En opinión de Ribeiro a venda online foi "unha das leccións que nos deixou esta pandemia, non tivemos outra que adaptarnos".

Axudas e rebaixas

En teoría, a época de rebaixas nos comercios iniciábase o 1 de xullo nesta época. “Agora comezan  1 de xaneiro e rematan o 31 de decembro”, di Seixas. Para a Federación a situación acostuma os consumidores a mercar con grandes descontos “que despois non podemos asumir desde o pequeno comercio”. Por este motivo demanda que se lexisle para volver aos períodos tradicionais "nas datas que teñen que ser" para que "se saiba cal é o momento", cuestión que non acontece agora que as rebaixas "quedaron desvirtuadas".

Comentarios