O Parlamento Europeo aproba un orzamento de 189.300 millóns de euros para o ano 2024

A zona euro marca o menor encarecemento de prezos en case dous anos.
Sesión plenaria do Parlamento europeo na sede de Estrasburgo, Francia (Foto: Philipp von Ditfurth / DPA).
photo_camera Sesión plenaria do Parlamento europeo na sede de Estrasburgo, Francia. (Foto: Philipp von Ditfurth / DPA).

O pleno do Parlamento Europeo apoiou esta cuarta feira o orzamento de 189.300 millóns de euros para a Unión Europea (UE) do ano 2024 que propuxo a Comisión Europea no mes de xuño, rexeitando o recorte exposto polos Estados, que pretendían reducir as contas até os 187.000 millóns.

A partida orzamentaria proposta por Bruxelas é 1% superior á do ano anterior e a ela sumaranse outros 113.000 millóns de euros en pagamentos para subvencións do fondo de recuperación para os Estados.

A posición da Eurocámara obtivo un respaldo maioritario, con 424 votos a favor, 101 en contra e 102 abstencións, o que dá inicio a tres semanas de conversas de conciliación co Consello Europeo, co obxectivo de chegar a un acordo entre as dúas institucións a tempo para que o orzamento do próximo ano sexa adoptado polo Parlamento antes de que acabe o ano.

A Eurocámara espera inxectar até 75.800 millóns de euros adicionais ao orzamento da UE durante o período 2024-2027, co que espera reforzar as iniciativas para mellorar a autonomía estratéxica en 2024, así como a axuda humanitaria, a migración e a asistencia exterior, aínda que os Estados aínda deben chegar a un acordo sobre unha posición común sobre o complemento.

Inflación na zona euro

A taxa de inflación interanual da zona euro reduciuse nove décimas porcentuais en setembro, cando se situou en 4,3%, o que supón o menor encarecemento dos prezos en case dous anos, segundo Eurostat, mentres que no conxunto da UE a métrica moderouse a 4,9% desde a taxa de 5,9% en agosto.

Porén, a área monetaria do euro segue lonxe do obxectivo de estabilidade de prezos de 2% marcado polo Banco Central Europeo (BCE), co que é probábel que a institución monetaria manteña a súa dura política a respecto dos tipos de xuro.

Comentarios