“O pacto para vender as centrais é un acordo ilegal e a Xunta debería pararlle os pés xa a Villar Mir”

Alfonso Mouzo, voceiro do comité de empresa de Ferroatlántica, lamenta que os traballadores se teñan que enterar do relativo ao seu futuro polas novas da prensa. A noticia de que Villar Mir pactou a venda das hidroeléctricas volveu poñer sobre alerta o cadro de persoal e tamén a veciñanza da Costa da Morte. “Quérenos poñer data de caducidade a esta comarca”.

Ferroatlantica

Villar Mir pactou vender as centrais hidroeléctricas nos ríos Xallas e Grande por 255 millóns de euros. Ferroglobe, resultante da fusión de Ferroatlántica coa estadounidense Globe, informou que atinxiu un “acordo definitivo” para se desfacer das hidroeléctricas por esa cifra. Dela, o grupo recibirá 153 millóns, unha vez descontados gastos financeiros. O acordo confirmouno a empresa cun feito relevante remitido ás autoridades bursátiles de Londres e Nova Iorque. Falamos con Alfonso Mouzo, portavoz do comité de empresa.

- A venda das centrais levaba varias semanas sen aparecer en titulares e parecía que o tema non ía continuar adiante. Sae a noticia entón de que Villar Mir pactou a venda das hidroeléctricas... Como vos sentou?

- Enterámonos pola prensa, o que vén senso habitual desde hai tempo, que a través da empresa non saibamos nada e teña que ser a través dos medios de comunicación. Para nós ese pacto é un acordo ilegal. Na Xunta non teñen constancia dese pacto de venda e ela é a que ten que pronunciarse, manter que a actividade non se pode desagregar, que é o que está avalado por dúas sentenzas, unha do TSXG e outra do Supremo.

- A empresa non lles notificou nada, logo

- Nada. No acordo que remitiron ás autoridades bursátiles de Nova Iorque e Londres eles propios recoñecen que dependen das autorizacións gubernamentais. Nós o que temos claro é que non nos imos sentar negociar ningún acordo ilegal coa promesa de non sabemos que plan industrial que tanto prometen mais que o único que temos claro é que o farían a cambio de vender as centrais.

- Entón a pelota agora estaría no tellado da Xunta

A Xunta debe pronunciarse xa. Aínda que non teñan recibido ningunha solicitude formal debería pronunciarse e paralle un pouco os pés a Villar MIr, dicirlle que iso que pacta non se pode facer. Tan pronto soubemos da noticia solicitamos unha xuntanza co conselleiro de Industria, estamos á agarda de que nola conceda.

- No seu momento advertiades mesmo cunha convocatoria dunha folga se a empresa continuaba adiante cos seus plans de venda das hidroeléctricas..

Esta sexta feira temos xuntanza do comité e pola tarde asemblea de traballadores, ademais dunha concentración, ás 18:30 horas. Aí valoraremos que medidas adoptar. Até entón preferimos non pronunciarnos ao respecto.

- Como sentou esta noticia do pacto de venda na comarca?

Imaxínate. Na Costa da Morte temos moi claro o que está en xogo: se se venden as centrais as factorías durarían dous días, teríamos posta a data de caducidade. E iso implica a perda de moitos postos de traballo nunha comarca onde empregos tampouco é que sobren. 

Comentarios