BNG ve prevaricación na inacción da Xunta ante a venda das hidroeléctricas do Xallas

Avalía levar á Fiscalía o pacto de Villar-Mir para vender as centrais.

ANAPONTON EZARO FERROATLANTICA1

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou que están a avaliar solicitar a intervención da Fiscalía ante a pretensión de Villar Mir de vender as centrais, ao tempo que  advirte que se a Xunta insiste en ignorar esta pretensión ilegal “pode incorrer en prevaricación”.

“Alármame que Villar Mir diga publicamente que vai facer algo que é ilegal, como di unha sentenza xudicial, e aquí non pase nada”, afirmou Ana Pontón na súa visita á central instalada no Ézaro onde mantivo un encontro cunha representación dos traballadores. Pontón lembrou que esta mesma cuarta feira o PP vetou no Parlamento unha proposta do BNG para aprobar un pronunciamento unánime da Cámara en contra da segregación e venda das centrais.

Villar Mir pactou vender as centrais hidroeléctricas nos ríos Xallas e Grande por 255 millóns de euros. Ferroglobe, resultante da fusión de Ferroatlántica coa estadounidense Globe, informou que atinxiu un “acordo definitivo” para se desfacer das hidroeléctricas por esa cifra. Dela, o grupo recibirá 153 millóns, unha vez descontados gastos financeiros. O acordo confirmouno a empresa cun feito relevante remitido ás autoridades bursátiles de Londres e Nova Iorque. Para o comité de empresa, ese acordo é ilegal e a Xunta debería tomar cartas "xa".

Comentarios