A ocupación turística cae en 3,5% na Galiza mentres sobe en 2% no Estado

A Galiza rexistrou en xullo 27.685 turistas menos que no mesmo mes do ano anterior. As maiores caídas de ocupación concéntranse en hoteis e casas de turismo rural, presentando as mellores cifras os apartamentos turísticos. Os datos do país coinciden cun incremento da actividade turística no Estado de 2%.

Hotel en Compostela (Riobó Prada)
photo_camera A ocupación dos estabelecementos hostaleiros caeu en relación en 2022.

O Instituto Nacional de Estatística (INE) fixo públicas onte as cifras de ocupación, viaxeiras e viaxeiros no pasado mes de xullo. Neste sentido, destaca a baixada de turistas na Galiza, que pasaron de 784.269 en xullo de 2022 a 756.584 un ano despois. Así, a caída neste ano en todo tipo de aloxamentos foi de 27.685 viaxeiros e viaxeiras, isto é 3,5% menos que na anualidade anterior.

Os datos da Galiza contrastan cos do Estado. A este respecto, o INE certifica un incremento no número de viaxeiros para o conxunto do Estado de 347.759, o que representa unha suba de 2%. Nesta dirección, o numero de persoas que escolleron o Estado español para as súas vacacións chegou en xullo de 2023 a 16.864.903, tras ficar o ano pasado en 16.519.144 persoas.

Apartamentos turísticos

O número de viaxeiros reduciuse na Galiza en todo tipo de estabelecementos, agás nos apartamentos turísticos. Precisamente nestes, a ocupación turística medrou 13% na última anualidade, marcando en xullo deste ano 39.532 viaxeiros e viaxeiras fronte a 34.419 do pasado exercicio.

O comportamento nos apartamentos turísticos operou de modo diferente no Estado. Nesta liña, o INE sinala unha caída no número de viaxeiros e viaxeiras no último ano de 39.709, pasando de 1.807.474 en xullo de 2022 a 1.767.765 no mesmo mes de 2023. Así, a baixada entre estes dous exercicios sitúase en 2,8%.

O importante incremento do número de vivendas turísticas no mercado galego está a provocar un vivo debate polo seu impacto na alza dos alugueres e os seus efectos nos fenómenos de xentrificación  que se viven en cidades e vilas cunha importante presión turística. Nesta liña, resulta paradigmática a realidade de Santiago de Compostela e, de forma moi particular, a do seu casco histórico.

As vivendas turísticas aumentaron na Galiza en 321% nos últimos catros anos. Se a volta de outono de 2019 contaban con esa cualificación 5.400 inmóbeis, o seu numero chegou en xuño de 2022 a 17.342. Nesta sentido, nas cidades da Coruña, Compostela, Lugo, Pontevedra e Vigo, as prazas para aluguer vacacional superan as que hai en inmobiliarias para aluguer residencial. Outro tanto, acontece en vilas do litoral da comarca do Salnés ou da Mariña.

O número de usuarios de cámpings, tamén, minguou no país este ano. Mentres á altura de xullo de 2022 acolleron 100.048 residentes, neste ano a súa cifra  ficou en 98.178, o que representou unha caída da ocupación de 1,9%, concretada en 1.870 persoas . Neste caso, a oferta destes estabelecementos na Galiza sitúase en 106, distribuídos maiormente en zonas do litoral, máis con importante presenza en zonas do interior de elevado valor ambiental.

A resposta do turismo rural non resultou satisfactoria na Galiza. Se á volta de xullo de 2022 o número de visitantes dos mesmos chegou a 30.755, a cifra ficou un ano despois en 28.800, marcando unha caída de 1.995. Atendendo ás cifras fornecidas polo Instituto Nacional de Estatística, a baixada da ocupación chegou a 6,4%.

Os especialistas en planificación turística entende que dinamizar esta actividade no rural require dunha mudanza nos criterios seguidos até agora polo Goberno galego. A este respecto, o catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela e director xeral de Turismo entre 2005 e 2002, Rubén Lois, entende que “o turismo rural é unha ficción, debe existir pero ten sentido se hai rural, se ves uns prados, vacas ou unha hortas e non unha selva de eucaliptos”.

Hoteis

O comportamento non foi mellor no casos dos hoteis. Nestes estabelecementos, a caída de ocupación foi de 28.973 persoas, pasando de 619.047 en xullo de 2022 a 590.074 un ano despois. Mentres na Galiza rexístrase unha baixa de 4,7% de ocupación nos hoteis, o incremento no Estado é de 3%.

Comentarios