O BNG defende ante Almunia a necesidade de dar unha “resposta urxente” ao naval galego

O BNG solicitou ao vicepresidente e comisario da Competencia da Comisión Europea, Joaquín Almunia, que «calquera que for o novo modelo de incentivos para o sector naval terá de garantir que os estaleiros galegos puideren competir en igualdade de condicións cos de calquera outro Estado membro da UE»,
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, con Joaquín Almunia
photo_camera A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, con Joaquín Almunia

 A eurodeputada nacionalista, Ana Miranda transladou ao comisario Almunia, nunha reunión que tivo lugar na sede do Parlamento Europeo en Estrasburgo, a necesidade de atopar unha solución para o naval galego, un sector estratéxico para o País.

Miranda transmitiu ao responsábel de Competencia a «necesidade» de dar «unha resposta urxente» ao sector naval «que está en situación crítica», ao que Almunia respondeu que unha vez que o Goberno español presente a proposta definitiva, -até agora non existen máis que consultas previas-, a Comisión está en disposición de poder emitir unha valoración inmediata en menos dun mes. Neste sentido, ficou confirmado que o Goberno central non fixo chegar un texto definitivo para submeter ao criterio da Dirección Xeral da Competencia.

Tras a reunión co comisario Almunia, o BNG conclúe que a Comisión suxire como alternativa ao tax-lease o modelo francés, co argumento de que ese modelo xa foi analizado e ten a garantía de que cumpre coas normas comunitarias en materia de competencia. Sen entrar a valorar porcentaxes, adiantou que o futuro sistema de incentivos deberá estar vinculados aos beneficios das empresas.

Miranda tamén abordou con Almunia o expediente apresentado contra o Estado español que paralizou a aplicación do tax-lease e, como consecuencia, freou a formalización de novos contratos de construción de buques. A eurodeputada nacionalista explicitou ante o comisario que «en ningún caso o sector pode asumir ningún tipo de sanción, posto que se limitou a facer uso dun sistema de bonificacións fiscais aprobado polo Goberno central», alegou a deputada.

Comentarios