O BCE pide reducir os soldos para xerar competitividade

No seu informe mensual o BCE insta ás economías rescatadas a adoptaren máis unha vaga de reformas e axustes estruturais entre as que se atopa a redución de soldos.
Comisión Europea
photo_camera Comisión Europea

A máxima autoridade financeira da Unión Europea considera que a eurozona debe "aumentar o grao de competitividade" das economías para o que ofrece unha listaxe de reformas como a "redución dos custos laborais", isto é, a baixada dos soldos. Deste xeito, a institución europea propón a redución do salario mínimo interprofesional (actualmente situado en 641,40 euros/mes no estado español). Así mesmo, insta a suprimir a relación estabelecida entre os soldos e o aumento do prezo dos produtos e servizos (inflación).

As políticas recomendadas polo BCE mantéñense na liña das implementadas até o de agora, mais a súa aplicación agravaría aínda máis a situación económica e laboral. Asemade, a institución europea propón a privatización e a eliminación dos obstáculos á entrada de novas empresas --tamén de ámbito internacional--. Segundo o presidente do BCE, Mario Draghi, a grave situación económica e as altas taxas de desemprego padecidas polas economías rescatadas, principalmente o estado español, veñen determinadas pola serodia aplicación da reforma laboral e asegura, que a súa implementación con maior adianto suporía unha "redución da destrución de emprego". 

 

Comentarios