NGB iniciará en días o traspaso de activos tóxicos ao 'banco malo'

O 'banco malo' botará a andar en decembro, mais NGB e o resto de entidades con participación do FROB comezarán o traspaso dos seus activos tóxicos a vindeira semana

Novagalicia Banco (NGB) e o resto de entidades participadas polo FROB comezarán a vindeira semana a traspasar os seus activos tóxicos ao 'banco malo', medida coa que se desfarán de até 70.000 millóns de euros en activos problemáticos. Cómpre lembrar que o goberno español fixara un máximo de 90.000 millóns en activos para a Sociedade de Xestión de Activos  'banco malo'). O sector privado xestionará o 51% da empresa, mentres que o 49% restante estará en mans do capital público.

A Sociedade de Xestión de Activos (SGA), que asumirá os activos deteriorados da banca española que precise solicitar axudas públicas para recapitalizarse, non aceptará das entidades auxiliadas inmobles valorados en menos de 100.000 euros nin créditos (ligadosao sector da edificación e a promoción) por unha cuantía inferior a 250.000 euros, segundo afirmou no seu momento o ministro de Economía, Luis de Guindos.

Rebaixas

Nestas semanas, e coa vista posta no traspaso deste tipo de activos problemáticos, NGB rebaixara até nun 30% o prezo dos seus pisos en diferentes sitios da Galiza. A entidade traspasará ao banco malo os adxudicados, créditos ao tixolo e accións en inmobiliarias.

A auditora Oliver Wyman cifrou hai unhas semanas en 7.176 millóns de euros as necesidades de NGB, que esta procura rebaixar co seu plan de recapitalización.

Comentarios