luns 28/09/20

Navantia, a ovella negra do naval galego

A construción naval comeza a detectar unha moderada aceleración dos pedidos nos estaleiros privados. Porén, a empresa pública Navantia dilata os prazos das fragatas F-100. O novo dique, que axudaría a facer os estaleiros ferroláns máis competitivos, tampouco figura nos seus plans máis inmediatos.
Entrada principal do estaleiro de Navantia en Ferrol
Entrada principal do estaleiro de Navantia en Ferrol

Non sen certas dificultades, as gradas dos estaleiros galegos volven acoller proxectos de construción de buques. En 2019, segundo os datos facilitados esta mesma semana por Pymar, a patronal dos estaleiros privados, Galiza sumou 12 novos contratos e 52.062 CGT (arqueo bruto compensado) o pasado ano, un aumento da actividade que contrasta coa seca nos estaleiros de Navantia na ría de Ferrol.

A situación na empresa pública é "crítica", como sinala Marcelo Amado, responsábel da sección sindical da CIG en Navantia Ferrol. Á volta do verán, preto de 3.000 persoas, na súa maioría das firmas auxiliares, quedarán sen traballo pola falla de pedidos nas gradas ferrolás.

As fragatas F-110 para a Armada española son a encarga pola que levan anos agardando, mais non se acaba de concretar. De feito, Amado indica que Defensa sopesa ampliar o ciclo de vida das actuais F-100, o que podería supor un novo atraso na formalización dos contratos.

"Falamos de ano e medio sen carga de traballo", un feito do que non só culpa o Goberno español, que é quen ten que adxudicar os contratos, senón tamén a Xunta, a que acusa de deixar en mans do mercado o futuro da actividade naval en Ferrol no canto de intervir "cunha planificación que non ten, deseñando unha enxeñaría económica que favoreza o sector".

Á espera do dique

Os plans de futuro de Navantia para os estaleiros da ría de Ferrol pasan polo 'Estaleiro 4.0', un programa destinado a modernizar a empresa pública. No proxecto inicial, valorado en 450 millóns de euros, estaba contemplada a construción dun gran dique, que é a principal reclamación dos traballadores desde hai anos.

Mais Navantia só anunciou até o momento un investimento de máis de 100 millóns de euros, para, entre outras cuestións, levantar un gran taller de bloques que, como denuncia Amado "só serve para parchear e condiciona a construción do dique e a modernización das instalacións".

O dique, explica, é un elemento "fundamental" para meter os estaleiros públicos da Galiza no século XXI. "É o futuro de Ferrol. Case en ningún sitio están a facer os barcos en grada", apunta, e as novas instalacións, á parte de que "facilitarían moito as cousas", permitirían entrar con forza en mercados como o da construción e reparación de buques civís. "Mentres os demais entran nese mercado, nós non", lamenta Amado.

"Se non temos unhas instalacións modernas, podemos perder o paso", sinala o representante sindical. Fala, por exemplo, da construción dunha futura fragata europea, un proxecto no que traballan os Gobernos de España, Francia e Italia, ao que os estaleiros da ría de Ferrol terían moi difícil acceder nas condicións actuais.

Tamén vai influír o cadro de persoal. Navantia vén de convocar a primeira oferta pública en 14 anos para cubrir as prexubilacións de 2019. Son 235 prazas para as que se teñen presentado preto dun milleiro de aspirantes.

O proceso de selección na Galiza está xa en marcha, coa realización das probas teóricas esta mesma semana. As prácticas quedan para a volta do verán.

Coas novas incorporacións, o cadro de persoal do estaleiro público pasará dos 1.400 empregados a preto de 1.700 "se se cumpren as previsións".

Os plans de Navantia

A ampliación do cadro de persoal é un dos requirimentos para o programa das fragatas F-110, que de momento é o único proxecto que teñen en futuríbeis nos estaleiros ferroláns. "Non sabemos que vai pasar con nós. No seu día pedimos proxectos para cubrir o tempo que iamos estar parados, pero non conseguimos nada", relata Amado.

Desde Ferrol ven con envexa o que acontece no resto de estaleiros do grupo, nomeadamente nos da baía de Cádiz. Alí, os investimentos permitiron colocar os estaleiros na vangarda, e mesmo levar proxectos que non podían realizar na ría de Ferrol "por falta de capacidade", como é o caso dun buque para Turquía e, probabelmente, dun buque loxístico para a Armada española.

"O problema é que se ve a empresa como un todo e non se ten en conta o impacto que xera a falla de carga de traballo nos territorios", lamenta Amado.

Navantia está apostar en I+D, con proxectos como o do xemelgo dixital. Esas apostas, argumenta o responsábel da CIG, xeran empregos de alta cualificación, mais tamén hai que facer barcos para manter a actividade no estaleiro e nas empresas auxiliares. "O importante é saber onde se van facer os barcos", conclúe Amado. Mais até que esa dúbida se resolva, as gradas de Ferrol quedan baleiras e sen carga de traballo.

comentarios