O Ministerio de Seguridade Social entrega a xestión dos fondos de pensións a cinco bancos

Os contratos asinaranse nas próximas semanas.
O ministro español de Seguridade Social, José Luis Escrivá (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera O ministro español de Seguridade Social, José Luis Escrivá (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O Ministerio español de Inclusión, Seguridade Social e Migracións resolveu adxudicar o contrato de xestión dos novos fondos públicos de pensións a VidaCaixa (CaixaBank), Xestión de Previsión e Pensións (BBVA), Caser Pensións, Santander Pensións e Ibercaja Pensión, segundo a documentación remitida ao Portal de Contratación do Estado español.

Das sete entidades que pasaran á fase final desta licitación quedáronse fóra do concurso público Mapfre e a neerlandesa Nationale Nederlanden, ao obter as menores puntuacións. Os contratos coas cinco xestoras elixidas formalizaranse durante as próximas semanas.

Así, Seguridade Social resolveu dar o visto e prace a Caser e BBVA, que estiveran incursas en presunción de anormalidade (prezos temerarios) por ofertar uns orzamentos demasiado baixos. Caser Pensións logrou seguir adiante na poxa xustificando o seu baixo prezo na optimización de procesos e automatizacións, mentres que BBVA alegou a súa cota de mercado e as súas sinerxías internas.

Lotes

Cada xestora seleccionada foi elixida como gañadora dun lote para administrar os fondos de pensións de emprego de promoción pública que se constitúan, sendo cada un dos lotes iguais e homoxéneos entre si.

Desta forma, cada lote componse de tres fondos diferentes: renda fixa (non inclúe renda variábel), renda fixa mixta (até 30% de variábel) e renda variábel (máis de 30% de renda variábel).

As entidades xestoras para cada lote comprometéronse a alcanzar un patrimonio mínimo de 500 millóns de euros polo conxunto dos fondos de pensións de emprego de promoción pública abertos que xestione ao cabo dos 3 anos. Este compromiso considérase unha obrigación esencial do contrato, e por tanto, o seu incumprimento daría lugar á resolución do contrato.

Estes fondos públicos de pensións -cada entidade adxudicataria xestionaría 3, o que fai un total de 15 que compoñen os fondos públicos de pensións- son a ferramenta creada polo Goberno estatal para impulsar os plans de pensións de emprego en detrimento dos individuais, para así estendelos ao persoal de pequenas e medianas empresas (pemes) e ao persoal traballador por conta propia (autónomos).

[Podes ler a análise íntegra de Marcelino Fernández Mallo no caderno especial Día da Patria Galega que se distribuirá de balde xunto ao Nós Diario a próxima terza feira, 25 de xullo]

Comentarios