A pensión media na Galiza sitúase en 1.021 euros, das máis baixas do Estado

O gasto do Estado en pensións foi inferior ao dos anos 2020 e 2021.
O sistema público de pensións leva moitos anos á espera dunha reforma que garanta a súa sostibilidade económica (Foto: Arxina)
photo_camera O sistema público de pensións leva moitos anos á espera dunha reforma que garanta a súa sostibilidade económica. (Foto: Arxina)

A pensión media do sistema, que comprende as de xubilación, incapacidade permanente, viuvez, orfandade e a favor de familiares, situouse na Galiza en 1.021,65 euros, a segunda máis baixa do Estado español por diante de Estremadura (920,30 euros).

Malia o aumento de 9,89% no país en maio, en relación co mesmo mes do ano anterior, esta contía segue estando por baixo da que rexistra o conxunto estatal (1.195,1 euros), cifra da que representa un 85,49%. 

Segundo os datos que publicou esta sexta feira o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, o número total de pensións na Galiza alcanzou as 769.915. Delas, 483.935 foron de xubilación, cunha cantidade media de 1.168,51 euros. Mentres, 183.811 correspondéronse coas de viuvez, por un importe medio de 720,77 euros.

Por provincias, Ourense segue a contar cunha media de pensións máis baixa (887,52 euros) seguida de Lugo (920,30 euros). As máis altas de media no país están en Pontevedra (1.065,65 euros) e A Coruña (1.070,76 euros).

Datos estatais 

A Seguridade Social destinou neste mes de maio a cifra récord de 11.974,3 millóns de euros ao pago de pensións contributivas, un 10,7% máis que en igual mes de 2022, tras a súa revalorización en 8,5% para 2023.

Case tres cuartas partes (o 72,8%) destináronse ao pago das pensións de xubilación, que sumaron un importe de 8.723,1 millóns de euros, un 11,5% máis que en maio de 2022.

O Departamento que dirixe José Luis Escrivá estima que o gasto en pensións foi de 11,7% do Produto Interior Bruto (PIB) nos últimos doce meses, a mesma porcentaxe que en 2022, mais  inferior á de 2020 (12,4% do PIB) e 2021 (12,1% do PIB). 

Comentarios