23-X

O PSOE ve "en risco" a suba das pensións se gobernan PP e Vox: "Nin a apoiaron nin a apoian"

José Miñóns reivindica o seu partido como o "único" que garante "seguir avanzando" en materia de servizos sociais.
José Miñóns visitou Boiro este domingo no marco da campaña do PSOE. (Foto: Nós Diario)
photo_camera José Miñóns visitou Boiro este domingo no marco da campaña do PSOE. (Foto: Nós Diario)

O candidato número un do PSOE ao Congreso pola circunscrición da Coruña, José Miñóns, asegurou este domingo que a suba das pensións "está en risco" se Alberto Núñez Feixoo e Santiago Abascal chegan á Moncloa após as eleccións do vindeiro 23 de xullo. Nin o PP nin o ultraespañolista Vox, incidiu, "apoiaron nin apoian" ese incremento.

En declaracións aos medios no municipio barbanzán de Boiro, o tamén ministro de Sanidade puxo en valor os investimentos do Executivo español na localidade e na comarca, por exemplo, a Comisaría da Policía Nacional ou outros investimentos en materia de "turismo e eficiencia enerxética en instalacións públicas".

Ao mesmo tempo, Miñóns destacou os "avances" do Goberno "máis galego da historia". "Un goberno de compromisos feitos, compromisos relacionados cos dereitos sociais e cos investimentos que ven", manifestou. O socialista tamén quixo destacar "o compromiso absoluto" do Goberno de Pedro Sánchez coa cultura fronte aos que "a censuran".

Por outra parte, reprochou que a Xunta de Feixoo "deixou de lado" a comarca do Barbanza e asegurou que "se non chega ser polo Goberno socialista, hoxe Boiro non tería cinco millóns de investimento, a comarca 21 millóns e Galiza 35.000 millóns de euros de investimentos".

"Seguir avanzando"

No que atinxe aos dereitos sociais, Miñóns quixo centrarse na suba das pensións que, afirmou, "está en risco" se o PP e a extrema dereita chegan da man á Moncloa, xa que "Feixoo e Abascal non a apoiaron e non a apoian de cara ao futuro". "Hai que dicirlle aos pensionistas que saiban que o 23 de xullo está en perigo [esa suba]", proclamou.

Nesta liña, volveu insistir en que "o único partido" que garante "seguir avanzando" é o PSOE e reiterou que en dúas semanas a xente terá que elixir a papeleta "con corazón e con cabeza". "Se elixen a papeleta do PP estarán a elixir Abascal de vicepresidente", argumentou.

Por iso, tamén pediu o voto aos simpatizantes do PP "que senten vergoña agora" dos "pactos da vergoña" entre os populares e a extrema dereita en diferentes municipios e comunidades autónomas do Estado español.

Comentarios