Mercaches un vehículo entre 2006 e 2013? Poderías ter pagado un sobreprezo

A OCU presenta tres demandas contra o 'cartel dos coches' por inchar prezos.
Liña de montaxe da fábrica de Stellantis en Vigo (Foto: Víctor Cameselle).
photo_camera Liña de montaxe da fábrica de Stellantis en Vigo. (Foto: Víctor Cameselle).

A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) presentou esta quinta feira as tres primeiras demandas colectivas contra 13 fabricantes automobilísticos (Seat, Porsche, Volkswagen, Audi, Skoda, Hyundai, Chevrolet, Nissan, Mercedes, Toyota, Lexus, Honda e Volvo) polo coñecido como cartel dos coches.

Co denominado cartel dos coches, estas marcas fixeron un pacto para fixar prezos entre 2006 e 2013, á vez que anunciaron catro demandas colectivas adicionais contra o resto de fabricantes.

Antes, a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) declarou a mediados de setembro de 2015 a existencia deste cartel, polo que a OCU calcula que habería uns catro millóns de persoas usuarias afectadas que pagarían un "sobreprezo" polos seus vehículos.

A OCU dividiu en tres grupos as demandas: o primeiro engloba a Porsche, Seat, Volkswagen, Audi, Skoda, Hyundai e Chevrolet; o segundo a Nissan, Mercedes, Lexus e Toyota, e o terceiro a Honda e Volvo.

Segundo os cálculos periciais da organización, estímase o sobreprezo en 10,61% máis os xuros, polo que podería alcanzar entre 14% e 17,5%, en función da data na que se comprase o vehículo. O valor medio roldaría os 3.500 euros por coche.

Ademais, a organización asegurou que só cobrará ás persoas afectadas polos seus honorarios no caso de gañar estas demandas, que irán desde 17% máis IVE para as súas socias a 25% máis IVE para as non socias.

As próximas catro demandas presentaranse nos vindeiros meses, engadiu a OCU, as cales serán para Peugeot, Citroën, Opel, Alfa Romeo, Lancia, Chrysler, Dodge e Jeep, na primeira; Ford, Mitsubishi e BMW na segunda; Kia e Mazda na terceira, e Renault na cuarta.

Comentarios