Un coche de segunda man xa custa na Galiza, de media, 11.764 euros

O prezo promedio dos vehículos de ocasión medrou 3,8% no último ano, 1,5 puntos máis que no conxunto do Estado español.
Vehículos de ocasión en Vigo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Vehículos de ocasión en Vigo. (Foto: Europa Press)

O prezo medio do turismo de segunda man na Galiza situouse nos 11.764 euros en xullo, o que significa 3,8% máis que no mesmo mes de 2022, segundo datos publicados esta segunda feira pola Asociación Nacional de Comerciantes de Vehículos (Ancove). Esta cifra supón uns mil euros menos que a media estatal, que fica nos 12.774 euros, cunha suba en termos anuais, con todo, de 2,3%.

Se se compara co mes anterior —xuño de 2023—, o prezo do vehículo de ocasión incrementouse tamén por volta de 0,54% na Galiza e 0,13% no conxunto do Estado español.

No caso dos vehículos de máis de oito anos de antigüidade, o prezo medio na Galiza foi de 9.142 euros, 4,2% máis, mentres que a nivel estatal medrou 1,6%, até os 9.668 euros.

Por provincias, na Coruña o prezo subiu 3,5%, até 11.651 euros, mentres que en Lugo ascendeu 1,6%, con 11.901 euros. En Ourense, o dato foi de 11.755 euros (+10,4%), e en Pontevedra, de 11.834 euros, 3% máis.

Datos estatais

A nivel estatal, o prezo dos turismos de ocasión subiu en xullo 2,3% en comparación co mesmo mes de 2022, até 12.774 euros e o prezo medio dos sete primeiros meses do ano é de 12.679 euros, 3,4% superior ao mesmo período do ano pasado.

No caso das unidades que superan os 8 anos, os prezos soben un 1,6 cun prezo de 9.668 euros. A respecto do mes de xuño, incrementouse 0,5%. O 63,2% dos turismos vendidos o pasado xullo supera os oito anos, con fortes diferenzas entre a Comunidade de Madrid onde os máis vellos son 46,1% e 75,2% en Castela e León.

O presidente da Ancove, Eric Iglesias, precisa que o mercado dos turismos de ocasión "está a dar mostra de contención na suba dos prezos que no conxunto do ano é do 3,4% respecto dos sete primeiros meses do pasado ano, un proceso que se agudiza especialmente nos modelos máis antigos, os de máis de oito anos".

"A normalización da crise dos chips permitiu un maior volume de turismos de menos de 3 anos que son os que máis crecen en venda, en detrimento dos máis vellos que nos anos pasados subiron moito pola escaseza de oferta", engadiu Iglesias.

Comentarios