Máis dun milleiro de persoas participarán no Vigo Global Summit, que contará con dous Nobel

O xornalista de Radio Televisión Española Xabier Fortes conducirá o congreso.
O Premio Nobel de Economía, Paul Krugman.
photo_camera O Premio Nobel de Economía de 2008, Paul Krugman.

Máis dun milleiro de persoas participarán no Vigo Global Summit 2023 que o Consorcio da Zona Franca organiza no marco do seu 75 aniversario e que contará coa presenza de dous premios Nobel de Economía, Paul Krugman e Abhijit Banerjee. Será na terza feira, día 27 de xuño, cando dea comezo o evento, que se levará a cabo durante dúas xornadas no Auditorio Mar de Vigo, onde se reunirán expertos referentes e líderes de opinión, como o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, ou o presidente do Consello Económico e Social de España, o vigués Antón Costas.

Pola súa banda, o xornalista de Radio Televisión Española Xabier Fortes conducirá o congreso, cuxa inauguración será ás 16 horas do día 27 coa intervención do alcalde de Vigo e presidente de Zona Franca, Abel Caballero, ademais do xa ex delegado do Estado, David Regades, que deixou o cargo para ser cabeza da lista do PSOE ao Congreso dos Deputados por Pontevedra nas próximas eleccións xerais do 23 de xullo.

A partir de aí, darase comezo ás diferentes conferencias e mesas redondas do Summit, que conta xa con máis de 50 medios de comunicación acreditados e que chegou a acordos coa Universidade de Vigo ou co Colexio de Economistas da provincia de Pontevedra para atraer a máis persoas.

Precisamente na primeira xornada estará presente Santiago Lago, catedrático da Universidade de Vigo e director técnico do Vigo Global Summit 2023. Ás 16.30 horas será a quenda de Paul Krugman, que se centrará en temas relacionados coa economía global e a internacionalización.

Ás 18 horas tomará a palabra Antón Costas, para dar paso máis tarde a unha mesa redonda que el mesmo moderará e que contará coa presenza de Basila Bokoko, CEO de BBES; de Rudiger Ahrend, director da división de Análise Económica, Datos e Estatísticas da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), e Lupina Iturriaga, fundadora de Fintonic. Esta primeira xornada pechará coa intervención de Inma Puig, psicóloga clínica, que tratará o tema da sustentabilidade emocional.

Segunda xornada

O día 28, o Vigo Global Summit centrarase á primeira hora no futuro do sector bancario. Así, arrincará ás 09.30 horas cunha entrevista a Juan Carlos Escotet conducida polo director de Información Económica de Prensa Ibérica, Martí Saballs.

A partir das 10 horas, Saballs tamén moderará unha mesa redonda coa directora de Innovación e Transformación Dixital de Caixabank, Mariona Vicens; co ex CEO de Novo Banco de Portugal, Antonio Ramalho, ou coa conselleira independente de MoraBanc e Liña Directa, Rita Estévez, entre outros.

A última mesa estará moderada pola directora de Comunicación de Zona Franca, Ana Fontes, e nela estarán presentes o catedrático da London School of Economics, Andrés Rodríguez-Pouse; a senior partner de Azora, Cristina García-Peri; o ex ministro de Economía de Portugal, Pedro Siza, e a catedrática de Economía da Universidade de Barcelona Elisabet Viladecans.

Sobre as 12.15 horas, Abhijit Banerjee ofrecerá unha conferencia maxistral centrada na economía incluyente para que ningún cidadán quede atrás e contestará as preguntas de Xabier Fortes.

A clausura do Vigo Global Summit 2023 será a partir das 13.15 horas e contará coa presenza dun alto representante do Goberno de España, aínda por confirmar.

Comentarios