A Zona Franca de Vigo reúne nun foro a dous Nobel de Economía

O Viglobal Summit reflexionará sobre retos actuais en materia económica. Contará como convidados con Paul Krugman e Abhijit Banerjee.
Paul Krugman (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press).
photo_camera Paul Krugman (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press).

O Consorcio da Zona Franca de Vigo presentou onte o Viglobal Summit 2023, un foro que decorrerá o 27 e 28 de xuño na cidade olívica e que, por primeira vez na Galiza, reunirá aos premios Nobel de Economía, Paul Krugman e Abhijit Banerjee, para impulsar unha "reflexión colectiva" sobre os retos económicos a nivel mundial.

O evento, dirixido polo catedrático da UVigo, Santiago Lago, e que terá lugar no Auditorio Mar de Vigo, contará coa presenza doutros expertos, como a empresaria e filántropa, Bisila Bokoko, ou o exministro de Economía de Portugal, Pedro Siza.

Estas xornadas contarán con varias mesas temáticas, nas que se abordarán cuestións como o rol das cidades e as rexións no desenvolvemento económico; o presente e o futuro do sistema bancario; as relacións con Portugal no contexto ibérico; e o papel de emprendedores e empresas. 

Premios Nobel

Paul Krugman, Nobel de Economía en 2008, é un dos economistas máis importantes das últimas décadas, e foron recoñecidas as súas contribucións á Nova Teoría do Comercio e á Nova Xeografía Económica. A súa conferencia en Vigo centrarase na análise da conxuntura a escala global, marcada polo brusco cambio na orientación da política monetaria a ambos os dous lados do Atlántico.

Pola súa parte, Abhijit Banerjee, galardoado co Nobel de 2019 xunto á súa esposa, Esther Duflo, e a Michael Kremer, foi premiado polos seus estudos para aliviar a pobreza global.

En Vigo falará dos desafíos estruturais e de longo prazo para conseguir o benestar económico a escala global. Este economista considera que o planeta non pode permitirse un crecemento despreocupado da súa pegada ecolóxica e dos seus efectos sobre o quecemento global.

Comentarios