Máis de 630.000 persoas están en risco de pobreza ou exclusión social na Galiza

UXT denuncia que 70% das pensións non chegan ao salario mínimo.
Persoas no banco de alimentos de Lugo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Persoas no banco de alimentos de Lugo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) confirman que a Galiza fechou o ano 2022 con máis de 630.000 persoas en risco de pobreza ou exclusión social, unha situación que denunciou esta sexta feira UXT. Así, da poboación total da Galiza (2.690.464 persoas), "case a cuarta parte", 634.950 persoas, vive en risco de pobreza ou exclusión social.

O sindicato reclamou á Xunta da Galiza que sexa "máis incisiva" nas políticas de protección social, apelando ao feito de que "case un cuarto" da poboación galega está en perigo de pobreza ou exclusión social, ante o que "non se pode baixar a garda". 

Segundo sinalou a central sindical, estará "vixiante" ante a acción do próximo Executivo estatal para que "non se desarticule o paraugas de medidas sociais" postas en marcha e que permitiron que os datos de pobreza e exclusión mellorasen "lixeiramente" en 2022 con respecto ao ano anterior, pasando de 25,2% (das persoas en risco de pobreza ou exclusión social) a 23,6%.

UXT engadiu que case 200.000 persoas na Galiza viven en fogares con baixa intensidade de traballo (9,5%), que o risco de pobreza se sitúa en 18%, e que a taxa de carencia material e severa afecta 6,3% da poboación.

A organización sindical volveu denunciar que a renda media por fogar e por persoa na Galiza segue estando por baixo da media estatal, e que 16,5% dos traballadores e das traballadoras do país "poden considerarse pobres, a pesar de ter emprego". A iso súmase que 70% das pensións son inferiores ao salario mínimo e que case 150.000 delas non chegan até os 500 euros.

Neste contexto, UXT urxiu subir os salarios conforme ao custo da vida e garantir cláusulas de revisión nos convenios para evitar a perda de poder adquisitivo. "Como sociedade non podemos conformarnos con que a cuarta parte da poboación viva en risco de exclusión social ou pobreza mentres as empresas dos sectores enerxéticos e doutros aumentan os seus beneficios e especulan cos prezos", subliñou.

A central sindical tamén apelou á colaboración entre os diferentes niveis da Administración para paliar a carestía entre os sectores poboacionais máis vulnerábeis da Galiza. "A posta en marcha de políticas sociais ambiciosas en todos os niveis da Administración é fundamental para cubrir as necesidades daquelas persoas e familias que teñen dificultades", afirmou.

Medra a carencia material

En relación a anos precedentes, a situación "mellorou lixeiramente", explica a organización sindical. A taxa de risco de pobreza ou exclusión social en 2022 ficou en 23,6%, mentres que no ano 2021 era de 25,2%. Por outra parte, a taxa de risco de pobreza ficou en 18% no último ano, tras alcanzar 20,2% no exercicio previo, aínda que afastada da cifra rexistrada en 2014, que foi de 15,4%.

Porén, o que si experimentou unha alza foi a taxa de carencia material e social severa, até chegar a 6,3%, cando estaba en 2021 en 6,2% e se reducía a 3,2% en 2020. Ademais, 9,5% de poboación galega (de entre 0 e 64 anos) vivía en 2022 en fogares con baixa intensidade no traballo, unha taxa menor á de 10,2% de 2021, mais superior á porcentaxe experimentada en 2020, cando ficou en 8,7%.

Case 35% dos galegos e galegas no paro non perciben prestacións

A taxa de cobertura do desemprego sitúase na Galiza en 65,19%, o que significa que case 35% da poboación que se atopa no paro non percibe ningún tipo de prestación. Entre as persoas que contan con cobertura, un total de 76.573 (43,7%) teñen prestacións contributivas, mentres que "o resto son prestacións con contías moito máis limitadas", denuncia UXT. 38.541 delas reciben subsidios e 4.596 Rendas Activas de Inserción (RAI).

Un dos colectivos que máis sofre as baixas rendas é o das mulleres pensionistas. Na Galiza 69,4% das pensións (535.229) son inferiores aos 1.080 euros ao mes, cifra na que se sitúa o Salario Mínimo Interprofesional, mais esta porcentaxe ascende até 82,07% no caso das mulleres. 

"Á vista dos datos, o emprego xa non é suficiente para garantir unha vida digna", concluíu esta sexta feira UXT.

Comentarios