As pensións de xubilación máis baixas do Estado percíbense na Galiza

710.119 galegos e galegas reciben algunhas das pensións máis baixas do Estado, estando 50,1% das mesmas por baixo do limiar da pobreza. A reforma que o Ministerio quere ter aprobada antes de Semana Santa reducirá máis o poder adquisitivo das pensionistas.

Gráfica das pensións
photo_camera 50,1% das pensións galegas están por baixo do limiar da pobreza. (Gráfico: Nós Diario).

O Goberno do Estado acelera a reforma do sistema de pensións premido pola Comisión Europea. Tanto é así, que o ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, volveu anunciar onte a aprobación dun novo modelo de pensións antes da Semana Santa, tras ameazar o Executivo comunitario con non facer efectivo o desembolso do cuarto paquete de axudas recollidas dentro do programa Next Generation.

O plan de rescate financeiro aprobado pola UE após a pandemia condicionaba a recepción das axudas dos Next Generation á activación dun paquete de reformas. Neste sentido, o Executivo estatal comprometeu con Bruxelas un cambio no modelo de pensións na liña do reclamado nos últimos anos pola Comisión Europea, que exixía incrementar os anos de cálculo das pensións para axustalo ao conxunto da vida laboral.

A proposta formulada polo Goberno español de Pedro Sánchez implica unha perda do poder adquisitivo para as pensións. A este respecto, o Grupo de Investigación en Pensións e Protección Social da Universidade de València apunta a unha caída da contía das pensións no Réxime Xeral de 8,6% e no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) de 10,3%. Na mesma liña, avanza un aumento na fenda de xénero ao reducirse a contía das pensións das mulleres en 1,7 puntos de media máis que a dos homes.

A reforma das pensións

A incidencia desta reforma na Galiza será maior, ao situarse as pensións actuais por baixo da media estatal. Segundo sinala o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), en xaneiro 710.119 galegos e galegas percibiron unha pensión media de 1.015,78 euros ao mes.

A contía da pensión media galega sitúase en 173,34 euros ao mes por baixo da estatal. Neste sentido, só cobran unha contía inferior os cidadáns estremeños, cunha percepción mensual de 992,37 euros. Porén, a pensión dos ourensáns -con 880,91 euros ao mes- e dos lugueses -con 914,51- atópase á cola de todo o Estado español.

As pensións presentan diferenzas en función do réxime de cotización dos seus receptores. Así, as 445.975 persoas adscritas ao Réxime Xeral na Galiza perciben unha contía media de 1.167,71 euros ao mes, situándose na Coruña en 1.228,94 euros, en Lugo en 1.141,46 euros, en Ourense en 983,44 euros e en Pontevedra en 1.182,57 euros.

A retribución dos pensionistas galegos do Réxime Xeral está 134,36 euros mensuais por baixo da media do conxunto do Estado. Neste caso, presentan uns rexistros peores a Galiza Andalucía, Canarias, Estremadura e a Rexión de Murcia. Porén, Ourense volve presentar as cifras máis negativas de todo o Estado español.

Autónomos e agro

Autónomos e labregos da Galiza  perciben as pensións máis baixas do conxunto do Estado. Segundo o INSS, a pensión media mensual deste colectivo na Galiza foi de 713,30 euros en xaneiro. Neste caso, as retribucións das persoas xubiladas polo Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou polo antigo Réxime Espacial Agrario (REA) son na Coruña 733,64 euros mensuais, en Lugo 671,01, en Ourense 685,07 e en Pontevedra 739,63.

A contía da pensión de 239.707 galegos e galegas adscritos a estes réximes está 103,34 euros mensuais por baixo da media estatal. A diferenza entre a cantidade percibida por un autónomo vasco, cuxa pensión está á cabeza do Estado, e un traballador por conta propia da Galiza é de 262,35 euros ao mes. Aliás, un autónomo galego percibe 454,41 euros menos de pensión ao mes que un asalariado.

Mar

A pensión de 52.575 galegos e galegas, 44,1% do total do Estado, deriva do Réxime Especial de Traballadores do Mar (RETM). Perciben de media unha xubilación mensual de 1.125,16 euros. A contía das pensións está na Galiza 93,35 euros ao mes por baixo da media estatal. Precisamente, o país sitúase, tamén, neste réxime á cola do Estado, rexistrando as percepcións máis elevadas Madrid, con 1.631,77 euros ao mes.

Viuvez

A situación dos galegos e das galegas que perciben unha pensión de viuvez é especialmente precaria. Segundo o INSS, a contía media na Galiza é de 716,90 euros ao mes, 131,16 por baixo do Estado. Nesta dirección, as contribucións máis reducidas derívanse do Réxime Especial de Traballadores Autónomos, con 519,71 euros.

Comentarios