Madrid exixe máis fondos á UE para unha transición xusta

O Goberno español ve inxusto o reparto para a descarbonización do que se van beneficiar As Pontes e Cerceda.
Central térmica de Meirama (Xoán Roberes).
photo_camera Central térmica de Meirama (Xoán Roberes).

O Goberno español ve os fondos para a transición ecolóxica "moi verdes, pero non moi xustos". Así o sinalou esta segunda feira a ministra de Asuntos Exteriores, UE y Cooperación, Arancha González Laya, desde Bruxelas. Falaba do acordo para o reparto entre países dos recursos do fondo para a transición ecolóxica que propón a Comisión Europea, do que 4% iría a parar ao Estado español.

En declaracións á prensa á súa chegada a unha xuntanza de ministras de Exteriores da UE, González Laya insistiu en que a transición ecolóxica deber ser tamén unha "transición xusta" e advertiu de que o Gobierno de Pedro Sánchez ten "dúbidas" de que o método deseñado para repartir os fondos o sexa. "Queremos asegurarnos de que será realmente xusta, polo de agora non o vemos moi ben, imos seguir traballando", incidiu en relación a proposta que o Executivo comunitario defende e que se apoia en datos estatísticos e criterios obxectivos para calcular o custo da transición para cada territorio. 

Aínda que a cuestión do fondo non está na axenda das ministras, teñen previsto falar de xeito xeral da chamada "diplomacia climática" e nese marco González Laya quere trasladar as súas colegas que o fondo e o seu reparto require unha "atención particular".

Cartos por aire máis limpo

En total, a Comisión Europea  prevé repartir 7.500 millóns de euros do fondo entre ás rexións afectadas pola transición ecolóxica, entre as que se atopan os concellos das Pontes e Cerceda, onde fechan as centrais térmicas. Desa cantidade, 307 millóns son a asignación para o Estado español, mentres que Polonia (2.000 millóns) e Alemaña (877) levarán as maiores partidas. As previsións da Unión Europea elevan a 100.000 millóns os fondos até 2027 para compensar os sacrificios no plano económico e social nos territorios que reduzan a súa pegada contaminante.

Comentarios