O IPC segue a ser máis alto na Galiza que no conxunto do Estado

O IPC queda no país unha décima por encima do rexistrado a nivel estatal, xa que no total do Estado os prezos incrementáronse 3,3% en marzo, en relación co mesmo mes de 2022.
Os alimentos e as bebidas non alcólicas son a tipoloxía de produtos que máis encareceron en 12 meses, cunha taxa de 15,6% (Foto: Carlos Luján / Europa Press).
photo_camera Os alimentos e as bebidas non alcólicas son a tipoloxía de produtos que máis encareceron en 12 meses, cunha taxa de 15,6% (Foto: Carlos Luján / Europa Press).

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) subiu na Galiza 0,4% en marzo en relación co mes anterior e recortou tres puntos porcentuais a súa taxa interanual, até 3,4%, segundo datos publicados esta sexta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Así, o IPC queda no país unha décima por encima do rexistrado a nivel estatal, xa que no total do Estado os prezos incrementáronse 3,3% en marzo, en relación co mesmo mes de 2022.

En concreto, o prezo dos alimentos e as bebidas non alcohólicas disparouse na Galiza o mes pasado 16,6%, mentres que as bebidas alcohólicas e o tabaco encarecéronse 8,5%. Pola súa parte, o vestido e o calzado subiron 2% e o enxoval 7%.

As medicinas (+1,8%), as comunicacións (+2,4%) e o lecer e a cultura (+4,3%) tamén aumentaron de prezo, do mesmo modo que os hoteis, cafés e restaurantes (+7,5%).

Datos estatais

A nivel estatal, o IPC subiu 0,4% en marzo en relación ao mes anterior e recortou 2,7 puntos a súa taxa interanual, até 3,3%, polo abaratamento da electricidade e os carburantes e polo feito de que os prezos de alimentos e vestido e calzado aumentaron menos que no mesmo mes de 2022, sempre segundo os datos definitivos do INE, que coinciden cos avanzados a finais do mes pasado.

Esta moderación da taxa de crecemento interanual do IPC sitúa a inflación no seu menor nivel desde agosto de 2021, cando se rexistrou tamén unha taxa de 3,3%, e supón rachar con dous meses consecutivos de ascensos que levaron o IPC até 6% o pasado mes de febreiro. A taxa interanual do IPC non se reduciu tanto nun mes (-2,7 puntos) desde maio de 1977.

Pola súa parte, a inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos) baixou unha décima en marzo, até 7,5%, situándose 4,2 puntos por encima do IPC xeral e nos seus valores máis altos en máis de 40 anos.

A fenda entre a inflación subxacente e a taxa xeral é a máis pronunciada desde agosto de 1986, cando o INE empezou a calcular a primeira.

Prezo dos alimentos

Segundo Estatística, os prezos dos alimentos creceron en marzo 16,5% en taxa interanual, unha décima menos que en febreiro, cando aumentaron 16,6%, taxa récord desde 1994.

Neste comportamento influíu o feito de que peixe e marisco, leite, queixo e ovos e aceites e graxas subiron os seus prezos menos que en marzo do ano pasado. Por contra, os prezos dos legumes e hortalizas e doutros produtos alimenticios subiron máis que en marzo de 2022.

Comentarios