A inflación subxacente repunta até os seus valores máximos en 40 anos

A taxa de inflación anual subiu dúas décimas en febreiro, até o 6,1 %, debido á alza da electricidade e os alimentos, segundo o dato adiantado do índice de prezos de consumo (IPC).

Pequeno supermercado na Galiza. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Pequeno supermercado na Galiza. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Tamén se elevou dúas décimas a taxa anual da inflación subxacente, até o 7,7%, segundo as cifras avanzadas na terza feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Detrás da suba de prezos, o INE sinala a electricidade, que repunta fronte ao descenso rexistrado en febreiro de 2022, e ao maior incremento de alimentos e bebidas non alcohólicas.

Co incremento rexistrado no segundo mes de 2023, a inflación encadea dous meses consecutivos de ascensos na súa taxa interanual e sitúase no seu valor máis alto desde o pasado mes de novembro, cando o IPC alcanzou o 6,8%.

O dato de febreiro, que deberá ser confirmado a mediados do mes que vén, é 4,7 puntos inferior ao pico alcanzado o pasado mes de xullo, cando a inflación escalou até o 10,8%, o seu nivel máis alto desde setembro de 1984. No mes de xaneiro, o IPC mantivo a súa taxa interanual na Galiza en 6,4%, segundo os datos definitivos do INE, fronte a 5,9% de media no Estado español. Até que non se confirme o dato de febreiro a nivel estatal, tampouco se coñecerá a cifra de febreiro para a Galiza.

Segundo o INE, a subida do IPC interanual até o 6,1% en febreiro débese, principalmente, ao encarecemento da enerxía e a que os prezos de alimentos e bebidas non alcohólicas subiron máis do que o fixeron en febreiro de 2022. Por contra, destaca que en febreiro baixaron os prezos dos carburantes e do transporte combinado de pasaxeiros, isto último como resultado dos bonos gratuítos ao transporte.

A subxacente repunta até o 7,7%

O INE incorpora no avance de datos do IPC unha estimación da inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos), que en febreiro subiu dúas décimas, até o 7,7%, situándose 1,6 puntos por encima do IPC xeral e nos seus valores máis altos en máis de 40 anos. En termos mensuais (febreiro sobre xaneiro), o IPC rexistrou un aumento do 1%, a súa maior alza mensual desde o pasado mes xuño, cando subiu un 1,9%.

Comentarios