A baixada dos carburantes compensa o encarecemento da luz e estabiliza a inflación en 3,5%

A inflación subxacente, sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos, cae seis décimas pero segue a ser 1,7 puntos superior ao IPC xeral.
Unha persoa repostando nunha gasolineira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Unha persoa repostando nunha gasolineira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

A inflación aumentou por volta de 0,3% en outubro en relación ao mes anterior e mantivo sen cambios a taxa interanual do índice de prezos de consumo (IPC) en 3,5%, debido a que o encarecemento da electricidade foi compensado polo abaratamento dos carburantes e por unha suba "menos intensa" nos prezos dos alimentos respecto á experimentada un ano antes. Así se desprende dos datos avanzados esta segunda feira polo INE para o conxunto do Estado español, unha estatística que non ofrece a cifra desagregada da Galiza.

Co estancamento da súa taxa interanual en outubro, a inflación pon fin a tres meses consecutivos de ascensos despois de que en xullo, agosto e setembro subise catro, tres e nove décimas, respectivamente. A pesar de todo, o IPC interanual fica no seu nivel máis elevado desde o pasado mes de abril, cando alcanzara 4,1%.

O Ministerio de Asuntos Económicos e para a Transformación Dixital salientou a estabilización da inflación xeral, ao repetir en outubro o 3,5% de setembro, "polo mellor comportamento dos alimentos e a baixada dos carburantes", que compensaron o efecto base derivado da forte baixada da electricidade en outubro de 2022.

Con estes datos, celebran desde o departamento dirixido por Nadia Calviño, o Estado español "consolídase unha das principais economías da zona euro cunha menor inflación e maior crecemento de toda a zona euro". "As medidas de política económica adoptadas polo Goberno están a favorecer a competitividade das empresas españolas, a ganancia de cota de mercado e o aumento do poder adquisitivo dos salarios", engadiron.

O INE incorpora tamén no avance de datos do IPC unha estimación da inflación subxacente —sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos—, que en outubro baixou seis décimas, até 5,2%, unha taxa 1,7 puntos superior á do IPC xeral pero a máis baixa desde maio de 2022, cando se situou en 4,9%. En setembro a subxacente anotara 5,8% na taxa interanual, seis décimas máis que no presente mes.

Os prezos, máis altos en outubro que en setembro

En termos mensuais —outubro sobre setembro deste ano—, o IPC rexistrou un aumento de 0,3%, unha décima máis do que subira o mes anterior en comparanza con agosto. Con esta repunta, a inflación encadea cinco meses consecutivos de alzas mensuais.

No décimo mes de 2023, aliás, o Índice de Prezos de Consumo Harmonizado situou a súa taxa interanual en 3,5%, dúas décimas por riba da taxa rexistrada o mes anterior. Pola súa parte, a variación mensual estimada do IPCH foi de 0,3%. O INE publicará os datos definitivos do IPC de outubro, achegando tamén os correspondentes á Galiza, o próximo 14 de novembro.

Comentarios