O encarecemento dos alimentos eleva até 3,7% a inflación na Galiza, por riba da media estatal, co aceite de oliva á cabeza

Hoxe o aceite de oliva é máis 'ouro líquido' que nunca, pois o seu custo disparouse até 67% só nos últimos doce meses e duplicouse en dous anos. Mesmo de agosto a setembro deste ano, con 30 días de diferenza, incrementouse 10,1%.
O aceite de oliva é o produto alimenticio que máis se dispara no cesto da compra. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O aceite de oliva é o produto alimenticio que máis se dispara no cesto da compra. (Foto: Nós Diario)

O índice de prezos de consumo (IPC) escalou un punto, de 2,7% a 3,7% na taxa interanual, ao remate do pasado mes de setembro na Galiza. É un dato superior á media estatal, que alcanza 3,5%, segundo os datos que publica esta sexta feira o Instituto Nacional de Estatística. A suba anual vén impulsada pola evolución dos prezos de alimentos e bebidas non alcólicas, cunha taxa anual do 10,6%. Pola contra, vivenda baixa un 14,4%.

En termos intermensuales, setembro a respecto de agosto, os prezos repuntan unicamente unha décima no conxunto da Galiza, cun incremento de 1,5% en vestimenta e calzado. Baixan por volta de 2,6% os prezos en lecer e cultura.

No conxunto estatal, o IPC aumentou 0,2% en setembro en relación ao mes anterior e elevou nove décimas a súa taxa interanual, até 3,5%, debido, principalmente, á subida dos prezos da electricidade e dos carburantes e lubricantes para vehículos persoais. O prezo dos alimentos, pola súa parte, mantivo o seu crecemento interanual en 10,5%, malia que encadea xa 18 meses subindo a taxas de dous díxitos.

A inflación subxacente —sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos— baixou tres décimas en setembro, até 5,8%, situándose 2,3 puntos por riba do IPC xeral. Desde o Ministerio de Asuntos Económicos destacan que esta taxa de 5,8% é a menor desde xuño de 2022. No caso dos prezos dos alimentos e as bebidas non alcólicas, porén, a súa taxa interanual mantívose sen cambios en setembro ao mostrar unha repunta de 10,5%, a mesma que en agosto.

O aceite de oliva, disparado

En taxa interanual —setembro de 2023 sobre o mesmo mes de 2022—, os alimentos que máis subiron de prezo son o aceite de oliva (+67%); o azucre (+40,5%); as patacas (+20,5%); o arroz (+18,5%) e os produtos de confeitaría (+18,2%). O aceite encareceu 10,1% só de agosto a setembro, e o seu prezo multiplicouse por máis de dous desde marzo de 2021, cunha alza de 136,6%.

Xunto aos anteriores, outros moitos alimentos rexistraron en setembro subas interanuais de dous díxitos nos seus prezos, como os zumes de froitas e vexetais (+16,5%); confeituras e marmeladas (+15,5%), carne de porcino (+14,4%); cereais de almorzo (+14,1%); outras carnes (+13,5%); leite enteiro (+13%); legumes e hortalizas frescas (+11,7%); ovos (+11,5%); leite desnatado (+11,3%), e peixe e marisco seco, afumado ou salgado e mais manteiga, ambos os dous con alzas de 11,1%.

Fronte aos alimentos, que lideraron as repuntas interanuais de prezos, o que máis abaratou no noveno mes do ano en relación a setembro de 2022 foi a electricidade (-38,3%); outros aceites (-32,7%); o butano e o propano (-32,9%); o gas natural (-23,3%) e o transporte combinado de pasaxeiros (-15,4%). Sen ter en conta a rebaixa do imposto especial sobre a electricidade e as variacións sobre outros impostos, o IPC interanual alcanzou en setembro 3,9%, catro décimas por riba da taxa xeral do 3,5%. Así o reflicte o IPC a impostos constantes, que o INE tamén publica no marco desta estatística.

Aliás, o grupo de transporte elevou máis de 2,5 puntos a súa taxa interanual en setembro, até 3,8%, polo encarecemento dos carburantes para vehículos persoais, en tanto que o grupo de vivenda incrementou a súa taxa case cinco puntos, até -13,1%, polo encarecemento da electricidade. No lado dos descensos, o grupo de lecer e cultura recortou a súa taxa anual máis de dous puntos, ata o 5%, como consecuencia de que o prezo dos paquetes turísticos baixou máis que en setembro de 2022, mentres que o grupo de vestido e calzado reduciu unha décima a súa taxa interanual, até 1,2%.

O encarecemento dos alimentos en só un mes

En termos mensuais, comparando setembro sobre agosto, o IPC rexistrou un aumento de 0,2%, tres décimas menos do que subira o mes anterior. Con esta repunta, a inflación encadea catro meses consecutivos de alzas mensuais. O incremento mensual do IPC en setembro foi consecuencia, entre outros factores, do encarecemento dos carburantes para vehículos persoais en 3,2%, da electricidade en 1,6%, da suba das pezas de vestir e do calzado en 2,8% e en 1,9%, respectivamente, e do incremento dos combustíbeis líquidos en 7,1%.

Tamén influíron os prezos dos alimentos, que repuntaron 0,5% polo encarecemento de aceites e graxas en 8,2% e dos legumes e hortalizas en 3,1%. O que máis subiu de prezo no mes de setembro a respecto do mes anterior foi o aceite de oliva (+10,1%) e os combustíbeis líquidos (+7,1%), mentres que o que máis se abaratou foron os paquetes turísticos (-22,1%).

No noveno mes de 2023, o Índice de Prezos de Consumo Harmonizado (IPCH) situou a súa taxa interanual en 3,3%, nove décimas por encima da taxa rexistrada o mes anterior. Pola súa parte, a variación mensual do IPCH foi de 0,6%.

O IPC interanual sobe en todo o Estado

A taxa anual do IPC subiu o pasado mes de setembro en todas as comunidades autónomas, especialmente en Estremadura (+1,3 puntos); Castela-A Mancha (+1,1 puntos) e Galiza e A Rioxa, ambas as dúas con alzas dun punto. Pola súa banda, os incrementos máis moderados na taxa interanual rexistráronos as comunidades de Navarra e Asturias, cun aumento de seis décimas cada unha.

Ao finalizar setembro, só unha comunidade presentaba unha taxa interanual de IPC inferior a 3%: Aragón, cun 2,9%. Por contra, as taxas máis elevadas de IPC rexistrábanse en Cantabria (4,1%), Balears (4%) e Murcia (3,9%), xunto ás cidades autónomas de Melilla (5,3%) e Ceuta (4,6%).

Comentarios