A Xunta di agora que "nunca favoreceu" plantar eucaliptos

A especie ocupa 42% do monte, asegura o PSOE
A biomasa fabricada a partir de eucalipto é unha materia empregada para a xeración de biogás. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera A(Foto: Xunta da Galiza)

O portavoz de Medio Ambiente do grupo socialista na Cámara galega, Pablo Arangüena, acusou onte a Xunta de “facer a vista gorda” diante da expansión incontrolada do eucalipto e da "colonización de espazos protexidos por esta especie". Arangüena reclamou compatibilizar o dereito ao medio ambiente cos intereses económicos que rodean a especie.

O deputado criticou a falla de iniciativa do Goberno galego para regular a expansión do eucalipto, "impondo apenas 300.000 euros en sancións nos últimos cinco anos" diante das “infraccións reiteradas, constantes e perfectamente visíbeis” destas plantacións. 

Reclamoulle ao Goberno galego que “adopte as medidas de planificación oportunas para evitar a expansión incontrolada das plantacións de eucalipto na Galiza” e fomentar a diversificación do monte.

Aseverou que o eucalipto ocupa xa 42% da superficie forestal galega, e que hai xa máis de 600.000 hectáreas con presenza desta especie

Ordenación forestal

En resposta á pregunta formulada polo deputado do PSdeG, o director xeral de Ordenación Forestal, José Luis Chan, afirmou que a Xunta "desde hai anos, desde os 90, nunca favoreceu a plantación de eucalipto".

Ademais, puxo en dúbida que o eucalipto ocupe na Galiza 600.000 hectáreas, ao afirmar que os datos que manexan en diversos estudos cifran esa superficie en 420.000.

Chan tamén se referiu ás "miles de familias" que "complementan as súas rendas" coa venda de madeira de eucalipto.

Comentarios