Inditex dispara un 40,1% os seus beneficios no primeiro semestre, até os 2.513 millóns

Mais a pesar duns resultados semestrais de récord que superan as previsións, as accións da compañía presidida por Marta Ortega lideraban esta mañá as caídas do IBEX-35.
Xunta Xeral de Accionistas de Inditex, o pasado 11 de xullo. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Xunta Xeral de Accionistas de Inditex, o pasado 11 de xullo. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

Inditex rexistrou un beneficio neto de 2.513 millóns de euros durante o primeiro semestre do seu exercicio fiscal 2023-2024 —entre o 1 de febreiro e o 31 de xullo—, o que supón un incremento de 40,1% a respecto do mesmo período do ano precedente, segundo informou esta cuarta feira a compañía, que logra novos récords cos seus resultados e supera as previsións dos analistas. As vendas medraron 13,5% e alcanzaron os 16.851 millóns de euros, cunha evolución "moi satisfactoria" tanto en tenda como 'en liña' e incrementos en todas as áreas xeográficas e en todos os formatos, mentres que as vendas a tipo de cambio constante creceron por volta de 16,6%.

O resultado bruto de explotación (Ebitda), pola súa parte, aumentou 15,7%, até os 4.663 millóns de euros, mentres que o resultado neto de explotación (Ebit) creceu 30,2%, até 3.164 millóns de euros, e o resultado antes de impostos, 39%, alcanzando os 3.252 millóns de euros. A marxe bruta subiu 14,1%, até os 9.801 millóns de euros, e situouse no 58,2% das vendas (+27 puntos básicos fronte ao primeiro semestre do exercicio anterior). En 2023, Inditex espera unha marxe bruta estábel (+/-50 puntos básicos).

No primeiro trimestre de 2022, Inditex provisionou por 216 millóns de euros na liña de 'Outros resultados' os gastos estimados para o exercicio 2022 na Federación Rusa e Ucraína. "Os resultados neste semestre demostran que o talento dos nosos equipos consolida as melloras no desempeño do modelo de negocio. A permanente aposta pola creatividade, a calidade do produto e a experiencia do cliente, así como o avance decidido en sustentabilidade, conforman unha estratexia que leva ao noso modelo de negocio a un nivel superior", destacou o conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras.

A compañía presidida por Marta Ortega destacou que no primeiro semestre continuou o seu "forte desempeño operativo", apoiado na creatividade dos seus equipos e a "boa execución" do seu modelo de negocio integrado de tenda e 'en liña', á vez que subliñou que as coleccións da campaña primavera-verán foron moi ben recibidas polos clientes. Entre febreiro e xullo, Inditex acometeu aperturas en 20 mercados. Ao remate do período, operaba 5.745 tendas. A posición financeira neta medrou 14,1% sobre o primeiro semestre de 2022, até os 10.546 millóns de euros.

Inditex subliñou que continúa vendo "grandes oportunidades de crecemento futuro", polo que no presente exercicio está a realizar investimentos para incrementar a capacidade operativa, obter eficiencias e aumentar a diferenciación até o seguinte nivel. En concreto, estima uns investimentos ordinarios de arredor de 1.600 millóns de euros en 2023.

"As nosas prioridades son mellorar de forma continua nosa proposta de moda; optimizar a experiencia de cliente, incrementar o noso foco en sustentabilidade e preservar o talento e o compromiso da nosa xente. Dar prioridade a estas áreas impulsará o crecemento a longo prazo", subliñou a compañía, que engadiu que "o resultado é un posicionamento único de mercado" que proporciona ao seu modelo de negocio "un gran potencial".

Caída en Bolsa

A pesar destes resultados semestrais de récord que superan mesmo as previsións máis optimistas dos analistas, as accións de Inditex lideraban na mañá desta cuarta feira as caídas do IBEX-35 pouco despois da apertura, contra as 9.05 horas, e deixaban polo camiño un 1,63%, até intercambiarse cada título a un prezo de 35,205 euros.

Comentarios