Inditex di que "ficará en España" malia ter xa 13 sociedades radicadas nos Países Baixos e nove en Hong Kong

"É o mercado no que nacemos, no que nos sentimos cómodos e polo que seguiremos apostando", xustifica Óscar García Maceiras, conselleiro delegado do xigante téxtil.
O conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras, presentou esta cuarta feira en rolda de prensa o último balance de resultados da compañía. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera O conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras, presentou esta cuarta feira en rolda de prensa o último balance de resultados da compañía. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras, asegurou esta cuarta feira que a compañía fundada por Amancio Ortega "ten e vai seguir mantendo a súa sede en España", nunha intervención, co gallo da presentación do balance de resultados do exercicio 2022-23, na que evitou pronunciarse sobre a decisión de Ferrovial de trasladar a súa sede a Países Baixos.

García Maceiras gabouse do "efecto sede" da compañía, consecuencia de "ter en España a sede social e fiscal", pois o español, insistiu, é "o primeiro mercado" de Inditex: "O mercado no que nacemos, no que nos sentimos cómodos e polo que seguiremos apostando", reiterou, aludindo a "unha contribución tributaria de 1.800 millóns de euros e global de 7.479 millóns".

Porén, o conselleiro delegado esqueceu mencionar que o xigante do sector téxtil ten xa 13 sociedades radicadas nese mesmo país ao que avanzou que marchará Ferrovial, Países Baixos, que en 2021 a alianza Tax Justice Network colocou entre os dez primeiros paraísos fiscais do mundo.

En 2016 o grupo parlamentario de ALE/Os Verdes na Eurocámara fixo público un informe titulado Compra de impostos: explorando o negocio de Zara para eludir impostos, onde sinalaba que a operativa mercantil permitiu ao grupo Inditex eludir nos exercicios contábeis de 2011 a 2014 o pagamento de 218 millóns de euros no Estado español, 76 millóns en Francia, 57 millóns en Italia, 25 millóns en Alemaña, 22 millóns no Reino Unido, 20 millóns en Grecia, 18 millóns en Bélxica e 6 millóns en Austria.

A investigación de ALE/Os Verdes certifica que "de cada 100 euros de vendas que se realiza en calquera das tendas de Inditex no Estado español, cinco son desviados aos Países Baixos", isto é, 5% dos ingresos totais.

Porén, este Estado non é o único territorio considerado paraíso fiscal onde conta con sociedades a multinacional téxtil, pois dispón de nove compañías en Hong Kong, onde explota os negocios das marcas de Zara, Oysho, Stradivarius, Massimo Dutti e Pull&Bear.

Beneficios de récord

Por outra parte, preguntado a respecto das críticas aos beneficios e marxes empresariais de Inditex, García Maceiras eludiu tamén manifestar a súa opinión: "Limítome a centrarme naquilo que nos afecta, nuns resultados dos que estamos moi satisfeitos. Estou enormemente orgulloso das 175.000 persoas que cada día se deixan a pel. Non entro nesas manifestacións".

Comentarios