Indignación na hostalaría pola diferenza de horarios de feche segundo a licenza

As novas medidas de restricións publicadas no DOG, en vigor desde a sexta feira, 16 de abril, permiten estender o fechamento até as 23 horas aos restaurantes, coa obriga de instalar a medición de CO2. O sector demanda a apertura de todos os estabelecementos no mesmo horario e lembra a situación que sofre o ocio nocturno.
Interior dun estabelecemento hostaleiro en Santiago de Compostela nunha imaxe de arquivo (Nós Diario)
photo_camera Interior dun estabelecemento hostaleiro en Santiago de Compostela nunha imaxe de arquivo (Nós Diario)

As novas medidas restritivas anunciadas para a hostalaría polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, causaron malestar no sector. A mellora de certos índices da pandemia na Galiza fixo alentar a posibilidade de facilitar o acceso a novos horarios mais o publicado a pasada cuarta feira no Diario Oficial da Galiza (DOG) restrinxe esta posibilidade a través de certas limitacións e exixencias.

A orde publicada permite, a partir da sexta feira 16 de abril, ampliar a apertura até ás 23 horas daqueles estabelecementos que conten con licenza de restaurante. Deberán  servir só ceas e acoller clientes que teñan reserva previa. Ademais deberán contar cun rexistro de usuarias e usuarios que inclúa o número de teléfono e o NIF, que quedará custodiado pola propietaria ou propietario durante un mes.

Por último, para accederen a esta extensión horaria, os locais deberán ter cun dispositivo de medición de CO2 que dispoña dunha pantalla que mostre os niveis en tempo real e nunha zona visíbel para os usuarios. Para facilitar a súa instalación a medida será obrigatoria a partir do 23 de abril, de modo que antes terán o deber de contar con ventilación.   

Medidas "inxustas" e "arbitrarias" para o sector

A asociación Lugo Monumental sumouse ás críticas das novas medidas cun comunicado sinalando que o novo criterio "é arbitrario e discrimina uns estabelecementos aos que a lexislación faculta para servir comidas e ceas á cidadanía". Aseguran que a lexislación de Turismo "faculta cafetarías e bares para ter un servizo de comidas que, sendo máis sinxelo que o dos restaurantes, presta unha función importante no cómputo global da hostalaría".  

Ademais, a entidade di que malia que se argumente que os espazos de comedor dun restaurante veñen delimitados por lei e teñen que estar separados do servizo de barra, "hai que ter en conta que este servizo está prohibido, así que é evidente que non se van mesturar clientes, porque nas barras non se pode atender". Da mesma maneira critican que o rexistro de clientes "teña que facerse unicamente nun determinado horario". Por todos este motivos solicitan que se modifique o criterio anunciado e a ampliación horaria a todos os locais que legalmente poidan ter servizos de comidas. 

Desde a Plataforma en Defensa da Hostalaría Galega, que agrupa asociacións de hostalaría de toda Galiza, tamén entenden que as medidas son "arbitrarias, discriminatorias e sen base científica que as sustente". Para esta entidade, "a exixencia de equipar os restaurantes con medidores de CO2 co único fin de poder servir no local desde as 21 até as 23 horas máis que unha medida sanitaria de control da pandemia semella unha nova burla ao sector e á intelixencia da cidadanía". 

Tampouco comprenden a discriminación horaria por licenzas e sen valorar os usos, "algo que vimos denunciando desde hai meses e que xa vén sendo especialmente agresiva contra a hostalaría nocturna, que viu imposibilitada a súa actividade incluso nas terrazas en horario diúrno". Lucía Vázquez, da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Compostela e membro da plataforma, asegura a Nós Diario que "obrigan a mercar aparellos de CO2 que non se empregarán, como pasou coa anterior dos códigos QR".

O esquecido ocio nocturno 

Antonio Fernández, representante do ocio nocturno da plataforma, salienta que as novas medidas seguen a marxinar estes locais. "É unha tremenda inxustiza, parte dunha base que cremos ilegal, temos os mesmos parámetros que calquera cafetaría e non podemos estar abertas", asegura a Nós Diario. A súa licenza amplifica as posibilidades do seu negocio e entende que debería poder abrir como outros estabelecementos.

"Non me obrigan a traballar de noite e mesmo sempre houbo locais que acostumaban a ter sesións de tarde e agora tampouco poden abrir", relata. Para Fernández a pandemia trouxo unha "criminalización do sector dunha maneira inxustificada polos datos que a propia Administración dá a coñecer" e que indicarían que "a maioría dos contaxios veñen do ámbito privado".

Amplían o seu horario tendas, centros comerciais e servizos profesionais

Outra das modificacións que recolle o DOG publicado o pasado 14 de abril indica que as tendas, locais comerciais e servizos profesionais abertos ao público, así como os centros e parques comerciais, poderán ampliar desde esta sexta feira o seu horario de atención ao público, dentro dos límites do toque de recoller, que foi ampliado e que se sitúa desde a sexta feira nas 23 horas.

Os estabelecementos e locais comerciais e actividades de servizos profesionais abertos ao público que non formen parte de centros ou parques comerciais poderán ter o horario que "se fixe de acordo coa normativa vixente, debendo respectar en todo caso as limitacións estabelecidas para a mobilidade nocturna". O mesmo ocorre para os parques e centros comerciais.

Comentarios