sábado 28/11/20

Hostaleiros, sobre as axudas anunciadas por Feixoo: "Dános a risa"

A Asociación de Emprendedores da Galiza (Ascega) apuntou os políticos das Administracións públicas como “responsábeis” da "morte do sector hostaleiro" e esixe compensacións.

Feixoo, co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, detrás (Imaxe: Xunta da Galiza).
Feixoo, co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, detrás (Imaxe: Xunta da Galiza).

"De novo o sector público carga todas as consecuencias das súas malas decisións sobre sector produtivo". Con estas palabras o presidente da Ascega pronunciábase contra a decisión da Xunta da Galiza de decretar o fechamento da hostalaría en 60 concellos galegos e de implantar restricións na do resto de municipios.

En rolda de prensa acompañado de hostaleiros, reclamou a condonación de todo tipo de taxas porque, di, "non se pode esixir a alguén que non estea a facturar que pague impostos". As compensacións que pide o colectivo serían do 75% da facturación do ano 2019.

"Hoxe é un día de loito para a hostalaría da Galiza. As decisións das últimas semanas lévannos a case todos a un fechamento a curto ou medio prazo", lamentou o hostaleiro Diego Lis, que criticou que "non serviu para nada" que os locais cumprisen "estritamente as medidas".

"Non somos o problema, somos parte da solución", afirmou, apuntando ás "contornas familiares e sociais en casas" onde se producen, di, máis contaxios.

"Teñen que ser axudas áxiles, directas e suficientes", pediu o empresario, que cre que ou hai solucións "xa" ou "estamos mortos". Por iso reclama un "fondo de rescate" para compensar os hostaleiros e outros sectores afectados e reprocha que o anunciado polo presidente da Xunta nas últimas horas son "parches". "Dános a risa", dixo, considerando insuficientes as cantidades de até 7.000 euros.

Migallas

Segundo Ascega, son 12.500 locais hostalaría os afectados polo fechamento en toda a Galiza, polo que as axudas prometidas polo Goberno galego, dixo o presidente da entidade, "son unha provocación". "Queren calar a boca con migallas a xente que levanta a persiana todos os días e está desesperada", criticou.

O empresario de lecer nocturno Álvaro Veiga asegurou que están nunha "situación límite", na que só puideron abrir, desde marzo, tres semanas. "Necesitamos axuda inminente porque estamos feridos de morte", manifestou antes de alertar que haberá outros sectores que tamén se verán afectados nas próximas semanas.

Feixoo pide perdón

En declaracións aos medios, o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, pediu desculpas ao sector da hostalaría a poucas horas de que entre en vigor o fechamento en 60 concellos. "Sabemos que non son responsábeis da propagación do virus", dixo na mañá da sexta feira.

Aínda que na Galiza "todos os sectores continuarán funcionando", non pueden "ofrecer as mismas garantías á hostalaría". Neste sentido, agradeceu o "grande esforzo" que realizan os hostaleiros e afirmou que se trata dun sector "castigado inxustamente". Tratou de externalizar a decisión do fechamento apuntando a Sanidade, que "valorou necesario" a adopción das medidas.

comentarios