O sector primario sofre co fechamento da hostalaría

As medidas adoptadas polo Goberno galego de fechar a hostalaría durante un mes afectará a todo o sector primario. Carnes, viños, froitas e hortalizas son algúns dos produtos prexudicados. A baixada de prezos é unha das consecuencias, a outra é a eliminación total da canle de venda das explotacións.
Mobilizacións de hostaleiras e hostaleiros. Na imaxe, protesta en Xinzo de Limia (Nós Diario)
photo_camera Mobilizacións de hostaleiras e hostaleiros. Na imaxe, protesta en Xinzo de Limia (Nós Diario)

O anuncio do fechamento da hostalaría en 60 concellos da Galiza durante un mes coa prohibición expresa de calquera actividade que realicen, fóra de servir comida a domicilio ou para levar, terá unha grave repercusión no sector primario que, nunha gran parte, tiña nel a principal saída da súa produción.

Asociacións galegas de hostalaría saíron esta quinta feira á rúa en distintos puntos da Galiza e convocaron actos de protesta para os vindeiros días, como unha caravana de coches en Vigo e mobilizacións en Pontevedra e Caldas de Reis. O sábado terá lugar unha concentración na Coruña (praza María Pita, 12 horas) e unha manifestación en Lugo (11 horas). 

Óscar, propietario dunha coñecida cafetaría de Compostela, pensa que se está "vitimizando todo un sector que achega moito non só ao tema económico senón a nivel social". Cre que as autoridades galegas agora "deberían ser claras e dicir que queren frear moito máis o fluxo de xente polas rúas" algo que, di, "sería máis intelixente para que cando pase todo, se quedan estabelecementos, poidamos recuperar clientela".

O sector cárnico baixa os seus prezos 

O sector da carne vai ser un dos máis prexudicados por estas medidas, como explica a Nós Diario Mariano López, de Unións Agrarias (UUAA). "O fechamento da restauración reduce as liñas de distribución que o pequeno aumento do consumo en domicilio non chega a equiparar á venda na hostalaría", asegura. Como resultado desta situación coas primeiras restricións xa se deu unha "baixada de prezos" moi por debaixo do ano pasado.

"En tenreira galega suprema estabamos en algo máis de 5 euros e agora xa se fala de 4,10 euros”, asegura. As explotacións de vaca vella e bois están paradas, segundo explican desde UUAA. "Está todo en cámaras de frío e perderá características", sinala López.

Manteñen a esperanza as carnizarías con explotación propia ou que mercan en pequenas granxas, ademais de estar ben situadas nas cidades. É o caso de Jesús en Compostela. "Notamos baixada na hostalaría e sorte que gañamos as persoas que deixaron de mercar nas grandes superficies", di a Nós Diario

Sen saída ao mercado para as pequenas adegas

No sector vitivinícola galego a problemática non é tanto de prezos como de que as adegas de tamaño medio e pequeno poidan vender a súa produción. "As adegas de maior tamaño teñen saída a través das grandes superficies e agora comezan a vender outro tipo de viños", afirma a Nós Diario Roberto Rivas, presidente a Asociación Galega de Viticultura-Fruga.

O aumento deste tipo de viños nos hipermercados procede, segundo Rivas, "do transvase entre adegas grandes e pequenas que mercan graneis para abastecer ese mercado ao que non poden chegar". En todo caso o panorama non é moi bo e asegura que se perdeu "a campaña de verán, e a de Nadal pasará polo supermercado outra vez". 

Froitas e hortalizas, as outras prexudicadas

As froitas e hortalizas tamén saen prexudicadas, cunha boa parte da súa canle de saída parada co fechamento da hostalaría. Explícanolo Edurne de Froitas Nano, que traballa en Compostela e conta cun estabelecemento diante mesmo da praza de abastos.

"Non se decatan de que hai moita xente que vivimos ao redor da propia hostalaría", sinala a Nós Diario, "desde a froita, o peixe, o pan, todo". No seu negocio as vendas na restauración representan 80% da caixa diaria e lamenta que non teña "dereito a un expediente de regulación temporal de emprego nin a nada". Opina que con esta situación "fechar os bares e non fechar os centros comerciais non ten xeito".

Comentarios