A gran banca española tivo máis beneficios que nunca en 2023, 26.000 millóns, e augura dun 2024 “aínda mellor”

As cinco principais entidades financeiras no Estado español gañaron 26% máis que no ano anterior.

Ibex 35

2023 foi un ano espléndido para a gran banca española. Dino os seus mandatarios e confírmano as cifras. E, ademais, agardan que o presente exercicio, 2024, sexa aínda mellor. “Se 2023 foi bo, 2024 vai ser aínda mellor”, augura Ana Botín, presidenta do Banco de Santander.

As cinco principais entidades financeiras no Estado  —Banco Santander, BBVA, CaixaBank, Banco Sabadell e Bankinter— gañaron 26.088 millóns de euros en 2023, o que supón perto de 26% máis.

Isto supón unha cifra nunca antes alcanzada de forma agregada, como apuntan en Cinco Días. á que se chegou grazas ao impulso dos ingresos tras a suba de tipos do Banco Central Europeo (BCE.

Dos seis grupos financeiros españois que cotizan no Ibex, só falta por comunicar os seus resultados Unicaja, que o fará a vindeira semana.

O Banco Santander é o que máis beneficios logrou aso longo de 2023: 11.076 millóns de euros, 15,31% máis. A continuación está o BBVA, cun resultado de 8.019 millóns, 22,25% máis.

No terceiro e cuarto posto en volume de beneficios están CaixaBank, que gañou en 2023 un total de  4.816,1 millóns, o que supón 53,93% máis de beneficios. O Sabadell obtivo 1.332,2 millóns de beneficios, 55,15. Bankinter, pola súa parte, gañou 844,8 millóns, un aumento de 50%.

Se Botín dixo o de “se 2023 foi bo, 2024 vai ser aínda mellor”, o presidente do BBVA, Carlos Torres, non dubidou en afirmar que “o beneficio [da banca], na nosa opinión, seguirá crecendo” durante o exercicio en curso.

Abanca aínda non presentou resultados do exercicio 2023 completo. En outubro pasado comunicou que o banco lograra até setembro un beneficio atribuído de 428,6 millóns de euros, cifra que sitúa o seu cociente de rendibilidade no 13%.

Comentarios