A banca española endurecerá o acceso ao financiamento

Bancos da UE predín un aumento das peticións de préstamos.
A presidenta do Banco Central Europeo, Christine Lagarde (Foto: Tarmo Lehtosalo vía Europa Press).
photo_camera A presidenta do Banco Central Europeo, Christine Lagarde (Foto: Tarmo Lehtosalo vía Europa Press).

Os bancos da zona euro confían en que a contracción da demanda de crédito a raíz do endurecemento da política monetaria do Banco Central Europeo (BCE) tocase o seu solo e que no primeiro trimestre de 2024 se rexistre un aumento das solicitudes de préstamos por parte das empresas, así como de hipotecas por parte das persoas usuarias, algo que non sucedía desde o inicio de 2022.

"Por primeira vez desde principios de 2022, os bancos esperan un pequeno aumento neto da demanda de préstamos a empresas e de préstamos para vivenda no primeiro trimestre de 2024", destaca o BCE na Enquisa de préstamos bancarios elaborada entre decembro de 2023 e xaneiro de 2024.

Segundo os resultados da consulta, no cuarto trimestre de 2024 as entidades da zona euro volveron rexistrar diminucións na demanda de préstamos ou liñas de crédito por parte das empresas, así como na de préstamos para vivenda e a demanda de créditos ao consumo por parte dos fogares. Con todo, a porcentaxe neta de bancos que informaron dunha diminución na demanda de crédito foi menor que no trimestre anterior, aínda que superou o previsto nas hipotecas para vivenda.

Enquisa estatal

Pola súa parte, os bancos estatais anticiparon que para o primeiro semestre de 2024 producirase un "lixeiro endurecemento xeneralizado" das condicións crediticias debido a un incremento esperado da morosidade, segundo a Enquisa de Préstamos Bancarios do cuarto trimestre de 2023 elaborada polo Banco de España.

Precisamente, durante a segunda metade de 2023 a ratio de préstamos dubidosos xa propiciou un "certo endurecemento" dos criterios de concesión nos créditos a fogares, tanto en hipotecas como en consumo. O Banco de España explica este endurecemento por un "aumento dos riscos percibidos", así como pola "menor tolerancia" dos bancos aos mesmos.

Comentarios