O Goberno estatal creará unha empresa pública para a innovación tecnolóxica

A nova entidade podería integrar a participación de 10% en Telefónica.
O ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, José Luis Escrivá, esta segunda feira (Foto: Europa Press).
photo_camera O ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, José Luis Escrivá, esta segunda feira (Foto: Europa Press).

O Goberno estatal creará unha empresa pública, a Sociedade Española para a Transformación Tecnolóxica (SETT), que mobilizará 20.000 millóns de euros e que integraría o 10% de Telefónica que prevé adquirir a través da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), segundo anunciou esta segunda feira o ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, José Luis Escrivá.

O ministro sinalou que levará a creación da SETT ao Consello de Ministros e Ministras para que poida entrar en funcionamento en dous ou tres meses. Por outra parte, preguntado por se a entidade integraría a participación en Telefónica, respondeu que "ten sentido encaixala".

Participación en Telefónica

Neste sentido, a SEPI, dependente do Ministerio de Facenda, ultima o contrato de intermediación bolsista para proceder á entrada do Executivo español en Telefónica a través da adquisición do 10% das accións da compañía, un proceso no que se están sondando entidades financeiras estatais e estranxeiras.

Unha SEPI dixital

O ministro enmarcou a creación do SETT, unha sorte de 'SEPI dixital', na necesidade de adaptarse a "unha revolución industrial en toda regra" que afectará en sectores até o de agora illados da tecnoloxía, o que obriga, nas súas palabras, a que o Estado español "teña capacidade de decisión".

A nova sociedade pública terá como obxectivo, segundo Escrivá, lograr unha soberanía tecnolóxica estratéxica, o impulso do crecemento e a produtividade, a transformación do sector público, a análise de tendencias e a colaboración público-privada.

Así mesmo, explicou o ministro, agrupará as participacións do Estado en sectores de alta tecnoloxía, telecomunicacións e dixitalización para buscar sinerxías co obxectivo de impulsar a transformación tecnolóxica.

Comentarios