O Executivo español comprará 10% das accións de Telefónica

O Goberno estatal fará a operación a través do SEPI.
Nadia Calviño (ministra) e Álvarez-Pallete (presidente de Telefónica) (Foto: Juanjo Martín).
photo_camera Nadia Calviño (ministra) e Álvarez-Pallete (presidente de Telefónica) (Foto: Juanjo Martín).

O Consello de Ministros e Ministras español ordenou á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), dependente do Ministerio de Facenda, que compre até 10% do capital social de Telefónica, segundo informou esta terza feira a entidade á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

Nese sentido, o Ministerio español de Facenda explicou que a proposta acordada no Consello de Ministros e Ministras partiu da vicepresidenta cuarta e ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero.

"A presenza dun accionista público en Telefónica suporá un reforzo para a súa estabilidade accionarial e, en consecuencia, para preservar as capacidades estratéxicas e de esencial importancia para os intereses estatais", afirmou o Ministerio.

"A entrada no capital da compañía vai en liña cos Estados da nosa contorna. Alemaña ostenta 13,8% do capital de Deutsche Telekom; Francia dispón de 13,4% en Orange; e Italia adoptou en agosto de 2023 un acordo para incrementar até 20% a súa participación na compañía que agrupa os activos de telefonía fixa de Telecom Italia", argumentou o Goberno estatal.

Telefónica tivo a condición de estatal até as privatizacións de 1995 (cando gobernada o socialista Felipe González) e 1999 (cando gobernaba o popular José María Aznar), ano este último a partir do cal a firma pasou por completo a mans privadas. 

Este movemento do Executivo do Estado español prodúcese tres meses e medio despois de que a saudita STC, controlada en 64% polo Goberno de Arabia Saudita a través dun fondo estatal, irrompese de forma sorpresa no accionariado de Telefónica coa adquisición de 9,9% do capital social da compañía española de telecomunicacións.

Outro dos asuntos principais da actualidade de Telefónica ten que ver co despedimento colectivo que a compañía executará nas súas tres principais filiais no Estado español (Telefónica de España, Móbiles e Solucións), que afectará 339 empregados e empregadas na Galiza -máis da metade do cadro de persoal-.

Comentarios