O Galo pon o foco sobre a situación da industria transformadora no país

Interviñeron López Iglesias e o Colectivo Bidán
Branco, Cabarcos, López e Da Cal, esta cuarta feira, en Compostela. (Foto: Arxina)
photo_camera Branco, Cabarcos, López e Da Cal, esta cuarta feira, en Compostela. (Foto: Arxina)

O ciclo Situación e Oportunidades da Economía Galega, organizado pola Asociación O Galo, continuou esta cuarta feira con dúas palestras sobre a industria de transformación e a súa conexión cos sectores produtivos. 

As intervencións correron a cargo do doutor en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), Edelmiro López Iglesias, así como polo Colectivo de debate enerxético Bidán, formado por Manuel Cabarcos, Quico da Silva e Fernando Branco.

Na sesión decorrida na libraría Couceiro, en Compostela, López Iglesias centrou o seu discurso nunha das problemáticas principais do sector agroalimentario galego: o feito de que "continúa especializado na produción primaria, mentres que é limitado o desenvolvemento da industria transformadora".

Pola súa parte, o Colectivo Bidán focalizou a súa intervención nas diferenzas enerxéticas entre as autonomías do Estado español e no seu balance eléctrico. 

Segundo este colectivo existen "comunidades consumidoras industrializadas e ricas e comunidades xeradoras e sen apenas industria, os chamados territorios de sacrificio, como é o caso da Galiza".

Comentarios