Análise

Galiza na transición enerxética

O Colectivo Bidán confórmano Quico da Silva, Manuel Cabarcos e Fernando Branco.
Protesta de granxeiros e granxeiras belgas, esta terza feira, en Merksplas. (Foto: Dirk Waem / Belga / dpa)
photo_camera Protesta de granxeiros e granxeiras belgas, esta terza feira, en Merksplas. (Foto: Dirk Waem / Belga / dpa)

As protestas actuais da agricultura que estamos a mirar nos medios, continuidade das dos chalecos amarelos, ademais de avanzar outras noutros Estados da UE, están relacionadas coas políticas europeas illadas na loita contra do cambio climático, e, nomeadamente, coas tamén únicas da Transición Enerxética e o seu efecto ocultado sobre do aumento das desigualdades; os esforzos e os beneficios non teñen un reparto uniforme, tampouco dentro de cada Estado.

Mais para definir a Transición Enerxética brevemente, fixariamos dous dos seus obxectivos, que ademais pretenden ser simultáneos: que a maior parte da xeración eléctrica sexa con fontes renovábeis e que a maioría dos consumos enerxéticos sexan con electricidade.

No caso de Galiza, o primeiro imos camiño de cumprilo, xa que, segundo os  últimos datos de REE referidos ao 2023, sen o último trimestre, sitúan a xeración eléctrica galega con fontes renovábeis nun 71%, porcentaxe que será superior ao rematar o ano polos niveis de hidraulicidade e vento do pasado outono; lembrar que o obxectivo no Estado estabelecido polo PNIEC para o 2030 na contribución renovábel á xeración eléctrica é do 81% (borrador 2023, 74% no orixinal de 2021).

Ademais, con toda seguridade, coñecendo os datos dos primeiros 9 meses do 2023 e os históricos do último trimestre do ano, Galiza vai superar amplamente o 50% de exportación de electricidade, o que será o dato máis alto dos últimos anos e, tamén, como xa ven sucedendo dende 2021, a xeración só con renovábeis na Galiza superará o consumo interno.

É dicir, estamos en perfecta situación para cumprir a primeira pretensión enunciada da Transición Enerxética, que a maior parte da xeración eléctrica sexa con renovábeis. Agora ben, no caso da segunda, que a maioría dos consumos enerxéticos sexan con electricidade, semella ben lonxe.

De estarmos inmersos na Transición, isto significaría que estariamos trasladando consumos enerxéticos de fontes fósiles, fundamentalmente do transporte ou de procesos industriais, a consumo eléctrico; pero isto non está a acontecer, máis ben todo o contrario.

No ano 2022 (último completo con datos oficiais de REE), o consumo eléctrico no Estado  caeu un 4,9% a respecto media anual dos dez anos anteriores, mentres que na Galiza a baixada foi dun 31,5%, datos de demanda que van ser moi semellantes no 2023; Galiza é con moito a Comunidade onde máis cae, é un dato espectacular que, ao noso entender explícase polo paro no funcionamento das electrointensivas, nomeadamente Alcoa, polos altos custes da electricidade que afectan especialmente nun País coas rendas salariais e pensións entre as máis baixas do Estado, e, en menor grao, polo autoconsumo.

Como é posíbel que exportando máis do 50% da electricidade que se produce teñamos industrias que poden pechar polo prezo eléctrico?

Nesta situación, calquera Goberno Galego que saia das eleccións do día 18 (agardemos goberne o nacionalismo), debería reflexionar sobre as actuacións no sector eléctrico. Como é posíbel que exportando máis do 50% da electricidade que se produce teñamos industrias que poden pechar polo prezo eléctrico, ou que teñamos fogares en pobreza enerxética? Aínda máis, hai empresas en risco de poder instalarase por non ter as necesarias liñas do subministro eléctrico e/ou os cotizados e demandados puntos de acceso e conexión para verter na rede de transporte.

Logo o incremento que teñamos de xeración eléctrica só será para exportar, xa que o consumo interno aínda non entrou na fase necesaria de transición enerxética e, polo momento, somos moi dependentes do petróleo e do gas. Por iso, a marxe de tempo que nos dá esta situación debería aproveitarse para dotármonos das ferramentas que nos permitan aproveitar o maior valor engadido á xeración eléctrica con renovábeis.

Como a imprescindíbel creación da Empresa Galega de Enerxía, ao xeito do que xa acontece na maioría dos países europeos; unha empresa non só para á xeración, tamén para a planificación das necesidades presentes e futuras pois, antes ou despois, o traslado de consumo de petróleo ao consumo eléctrico vaise producir; mais tamén necesitamos esta Empresa Pública para que a industria asociada ao desenvolvemento da transición sexa unha realidade e non dependamos de seguir importando o coñecemento e a tecnoloxía.

E, sen dúbida, se imos a unha xeración maioritariamente coas intermitentes renovábeis, é urxente, para termos seguridade de subministro, avanzar nas tecnoloxías de almacenamento enerxético, sobre de todo as de longa duración e estacionais; polo tanto, é fundamental a creación dun Centro de I+D+i e de competitividade específico sobre este tema.

Comentarios