sábado 26/09/20

Galiza xógase moito cos orzamentos

As políticas traen deberes para o novo curso político, entre eles o de sacar adiante as contas públicas do Estado, que levan prorrogadas desde 2018. A crise da Covid-19 fai aínda máis necesarios estes orzamentos, nos que Galiza quere ver recollidos os compromisos adquiridos polo Executivo co país.
A ministra de Facenda, María Jesús Montero (Foto: Europa Press).
A ministra de Facenda, María Jesús Montero (Foto: Europa Press).

Esta semana, co novo curso político xa en marcha, o Goberno español anunciou o inicio das negociacións para a confección dos orzamentos do Estado para o vindeiro ano. Unhas contas máis necesarias que nunca pola crise derivada da Covid-19, que fixo mudar as necesidades da poboación, mais tamén os capítulos de ingresos e gastos polos que se rexe a planificación financeira do Estado.

Galiza xógase moito no reparto dos fondos. Os partidos estatais centrarán o debate en capítulos como as pensións, o salario do funcionariado, o aumento do gasto público para a "reconstrución" do territorio, a suba de impostos, coa introdución dunha fiscalidade 'verde', a eliminación de bonificacións en determinadas partidas impositivas, ou a suba de impostos ás grandes fortunas, entre outros. 

En opinión de Alberto Vaquero, profesor da Universidade de Vigo e membro do Foro Económico da Galiza, o financiamento territorial é un dos debates pendentes, e os orzamentos para o vindeiro ano poden dar pistas de por onde irán os tiros.  Un dos aspectos chave será ver como mitiga nas contas o impacto do recorte orzamentario en fondos da Unión Europea, que se ben mantén o mesmo montante global, pode significar unha perda de 600 millóns de euros (400 en fondos estruturais e 200 do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural) para Galiza no período 2021-2027. "Xogámonos moito", advirte Vaquero.

Acordo de Goberno

Mais a diferenza doutros anos, o Goberno de Pedro Sánchez deberá ter máis en conta a Galiza que no pasado se quere contar co apoio do BNG para sacar adiante as contas. Esta mesma semana, a formación nacionalista xa lle advertía que o respaldo quedaba condicionado a que as contas públicas recollesen partidas específicas para avanzar no cumprimento do acordo de investidura asinado co PSOE para designar como presidente a Pedro Sánchez.

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, indicaba que o sentido do seu voto ao proxecto de lei de orzamentos "vai estar en función de que o Goberno no seu conxunto cumpra con eses compromisos que ten estabelecidos" en dito acordo de investidura.

Por un lado, sinalou a importancia de recoller partidas específicas para políticas sociais, como no caso da dependencia, unha cuestión que, como apunta Vaquero a Nós Diario, "está ben formulada desde o punto de vista legal pero a contía para desenvolvela é insuficiente". 

Outro dos aspectos que contempla o acordo entre o BNG e o PSOE pasa por avanzar en infraestruturas, como a mellora da rede ferroviaria ou a gratuidade da AP-9.

Neste senso, o profesor da Universidade de Vigo recoñece que a transferencia da AP-9 "é tecnicamente posíbel, mais depende de vontades políticas". "Cando alguén perde competencias sempre vai querer algo a cambio". O apoio do BNG podería ser ese "algo". Tamén en materia de infraestruturas pensa que sería necesario un plan de renovación das actuais estradas, que en moitos dos casos presentan un estado "deficiente".

Con todo, Vaquero considera que o máis importante destas contas será que Galiza non ceda á hora de defender medidas xa acordadas. "Os potenciais recortes pola Covid-19 non poden ser agora unha escusa para romper ou adiar os compromisos". 

Nova prórroga

Onde si que pode ser unha escusa a pandemia é nos tempos. O Executivo estatal, de feito, xa recoñece que non terá listas as contas até finais de mes, en parte polos atrasos nestas negociacións. O borrador dos orzamentos debería estar perfilado xa este mes para a súa aprobación polo Goberno e posterior remisión ao Congreso das Deputadas para a súa revisión. Mais parece pouco probábel, mesmo así o recoñece a ministra María Jesús Montero, que o 1 de outubro, en menos de 15 días, teñan rematadas estas xestións.

Este atraso, sumado a que polo medio haberá que debater o texto no Congreso e no Senado, fai imposíbel na práctica que o Goberno español poida aprobar as contas antes do 1 de xaneiro, incumprindo así o mandato constitucional. Desta maneira, e por terceiro ano consecutivo (algo sen precedentes na historia democrática), o Estado español funcionaría cos orzamentos de 2018, deseñados polo ministro popular Cristóbal Montoro, prorrogados até a aprobación dunha nova planificación financeira. O problema é que o escenario previsto nesas contas dista moito da nova realidade que debuxa a Covid-19 no territorio e moito máis aínda das necesidades actuais da Galiza.

comentarios