O traspaso da AP-9 terá que agardar

A crise provocada pola COVID-19 provoca que a transferencia da AP-9 quede esquecida por un tempo nun caixón. Consultamos co PSOE e co BNG, partidos que asinaron o acordo de investidura para a transferencia e rebaixa de peaxes, o futuro da principal autoestrada que atravesa a Galiza de norte a sur.
Autoestrada AP-9 ao seu paso por Compostela (Arxina)
photo_camera Autoestrada AP-9 ao seu paso por Compostela (Arxina)

O primeiro trimestre de 2020 era a data marcada no acordo de investidura entre PSOE e BNG para dar os primeiros pasos na transferencia da autoestrada AP-9 a Galiza e a rebaixa das peaxes. Pero a crise da COVID-19 fixo que esta cuestión deixase de ser prioritaria para o Goberno español e tamén para a Xunta.

Como lembra o deputado do BNG no Congreso das Deputadas, Néstor Rego, o Goberno español tiña que ter convocado neste primeiro trimestre do ano a comisión bilateral de transferencias, pero a crise provocada pola pandemia da COVID-19 adiou a súa realización. Tamén explica a Nós Diario que as rebaixas previstas no acordo de investidura que asinaron estaban condicionadas á existencia de orzamentos "e é bastante probábel que se pase directamente a elaborar os de 2021", apunta Rego.

"Veremos se pasada esta crise hai maneira de axilizar isto, porque nesta situación é máis necesaria ca nunca, e máis após coñecer que Audasa (a concesionaria da autoestrada) volveu  ter beneficios multimillonarios en 2019", indica o deputado nacionalista, que non ve "razoábel" que a transferencia quedase gardada nun caixón. "Para nós  esta sería unha das medidas fundamentais para o impulso económico".

A AP-9 é unha autoestrada que empregan moitas galegas para desprazárense a diario aos seus postos de traballo, pero tamén moitas empresas para distribuír as súas mercadorías na Galiza ou para darlle saída a outros mercados aos produtos galegos.

Neste senso, Rego sinala que empresas como as de distribución e loxística "vense tremendamente prexudicadas polas tarifas da AP-9, que lastran a súa actividade, respecto doutras zonas do Estado español nas que non teñen autoestradas de peaxe, ou benefícianse de maiores descontos, ou a concesión está a piques de rematar".

Eixo vertebrador

"A AP-9 conecta cinco das sete cidades galegas, os portos de interese xeral do Estado (Ferrol, A Coruña, Vilagarcía e Vigo), os tres aeroportos e os municipios onde se concentra non só a maior parte da poboación, senón tamén da actividade económica do país", apunta Rego para explicar o "brutal impacto" que tería a rebaixa e eliminación de peaxes na economía galega. "Se alguén pensa que rebaixar as peaxes ou facelas gratuítas para as usuarias recorrentes non favorece o dinamismo económico é que non entende moito".

Respecto á necesidade de retomar o debate sobre esta cuestión, Rego agarda que os partidos "non entren na dialéctica de que hai cousas máis urxentes, porque esta pode contribuír a reimpulsar a actividade económica en boa parte do país".

Pola súa banda, o senador socialista Xaquín Fernández Leiceaga sinala que o proceso está parado "xustamente pola situación do estado de alarma". O Goberno español está agora centrado na actual fase da crise, onde o fundamental é poñer en marcha todas as medidas posíbeis para contrarrestar os efectos da COVID-19 nas familias, nos autónomos e nas empresas. "Esta é a tarefa de hoxe. A de mañá xa se verá", engade Leiceaga. 

O senador socialista cre que as distintas fases do proceso de transferencia "van superpoñerse". "En canto a situación o permita, haberá que dinamizar a actividade económica, ademais de protexer a aqueles que van ser despedidos ou van perder as súas rendas. Esa fase está empezando a activarse e haberá sectores como o mundo da cultura, o turismo ou o ocio, moi directamente afectados pola paralización que supón a pandemia, que precisarán dunha especial atención". 

A transferencia da AP-9 quedaría, pois, para unha "segunda fase" na que se deseñe o plan de reconstrución. Como lembra Leiceaga a Nós Diario, a aprobación da transferencia aínda non está feita e hai que negociar para que os seus termos sexan os mellores posíbeis". A rebaixa das peaxes, pola súa banda, "xa está acordada en termos políticos". Pero para materializala será preciso un acordo en sede parlamentaria en España e tamén dos grupos políticos na Galiza, "e iso é máis complicado porque temos eleccións e non sabemos cando. É difícil elaborar un calendario preciso sen ter esta incógnita despexada". 

Ademais, o senador socialista considera que "non tería moito sentido poñerse a facer un plan de reconstrución agora, cando sería a primeira das tarefas do novo goberno". "O primeiro é iniciar o proceso da transferencia no Congreso, dándolle curso parlamentario á lei que o regula, e segundo, poñer en marcha os mecanismos para a rebaixa das peaxes de acordo ao pacto político", conclúe Leiceaga

Comentarios