Galiza vai pagar máis impostos na tarifa eléctrica malia ser excedentaria

As galegas e os galegos imos pagar máis impostos na tarifa eléctrica. O BOE vén de publicar unha orde ministerial pola que se demanda ás comunidades autónomas que cuantifiquen o montante total dos suplementos territoriais recadados en 2013 que afectan á actividade eléctrica, para devolver esas cantidades ás empresas do sector que os pagaron.

Luz eléctrica

A CIG considera que isto “é un disparate”, demanda da Xunta que reconsidere a tarifa eléctrica galega e exixe que diga o que vai facer para que “non paguemos máis polo recibo eléctrico cando producimos, somos excedentarios e asumimos ademais, as consecuencias sociais e medio ambientais”.

A orde, explica o sindicato nacionalista é de aplicación aos “suxeitos que desenvolveran actividades de transporte de enerxía eléctrica, distribución de enerxía eléctrica, produción a partir de fontes de enerxía renovábeis, coxeneración e residuos, con réxime primado, e produción nos sistemas eléctricos nos territorios non peninsulares con réxime retributivo adicional durante o exercicio 2013”.

No caso de Galiza, os impostos territoriais que se recuperarán son catro: canon de saneamento; imposto sobre contaminación atmosférica; imposto sobre dano medio ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga embalsada e canon eólico.

Segundo explica Fernando Branco,  responsábel do sector de Enerxía da CIG-Industria, a orixe é unha norma aprobada polo PP en 2012, cando tiña maioría absoluta, “pola que se di que o que pagaron as empresas eléctricas teñen que o recuperar e que, para iso, se gravará cun suplemento aos galegos e galegas por valor desa cantidade”. Deste xeito, afirma,  “eses impostos que serán recuperados nós pagámosllos ao sistema eléctrico, este trasládao a Comisión Nacional de Mercado de Competencia e esta a súa vez reembólsallo  ás empresas que pagaron os impostos”.

Tarifas diferenciadas por territorios

Branco lembra que cando se debateu a ILP da CIG por unha tarifa eléctrica galega, un dos argumentos fortes do PP, foi que non podía haber tarifas eléctricas diferenciadas por territorios. “Isto cae con esta Orde, porque cada comunidade ten os seus propios impostos e non é igual o que recadan”. 

Comentarios