Galiza ten 4.018 muíños e 37 patentes eólicas; Madrid, ningún, pero 149 patentes

A patronal eólica vén de publicar o seu estudo anual sobre a situación do sector no Estado español. O traballo, da autoría da consultora Deloitte, certifica unha especialización produtiva do negocio no espazo estatal, onde as comunidades produtoras ocupan os postos de cola a nivel de innovación.

Iberdrola Hub_Espana
photo_camera O Global Smart Grids Innovation Hub de Iberdrola, emprazado en Bilbo (Euskadi) é un dos centros mundiais de referencia en investigación en enerxías renovábeis. (Foto: Iberdrola).

A Asociación Empresarial Eólica, a patronal española das renovábeis, acaba de presentar o Estudo Macroeconómico do Impacto do Sector Eólico en España en 2022. A investigación encargada a Deloitte sinala que entre 2006 e 2020 rexistráronse en Madrid 149 patentes eólicas, que representan 11,8% do total das presentadas no Estado español para este período. Porén, o desenvolvemento a nivel tecnolóxico do sector na capital do Estado non se corresponde coa súa capacidade de xeración, pois Madrid non conta con ningún aeroxerador emprazado no seu territorio e, por ende, a súa potencia instalada é de cero megawatts.

O mapa do negocio eólico no Estado configura unha particular división do traballo, onde os territorios do centro se especializan na produción tecnolóxica, que xera alto valor engadido, e as áreas da periferia fan o propio na xeración de electricidade, unha actividade sen case retorno. Así, Galiza, que conta cunha potencia instalada de perto de 3.900 megawatts, 1.883 parques e xera arredor de 18% da electricidade de orixe eólica, rexistrou entre 2006 e 2020 un total de 37 patentes eólicas, que representan 2,9% do total estatal.

Especialización produtiva

A dinámica da Galiza é análoga a doutros territorios produtores de enerxía eólica no Estado. Por exemplo, Castela e León, con 23% do total da xeración estatal, rexistra 1% das patentes e Aragón, con 13% da produción, presenta 3% das patentes. Pola contra, Nafarroa, con 4% do total da produción estatal de orixe eólica, posúe 32% das patentes; Euskadi, con 0,5% do total da produción estatal de orixe eólica, conta con 17% das patentes, e Catalunya, con 4% do total da produción estatal de orixe eólica, dispón de 9% das patentes.

O profesor da Universidade da Coruña (UDC) e autor do recente informe do Consello Económico e Social (CES) sobre o sector enerxético galego Fernando de Llano sinala a Nós Diario que “estes datos serven como indicador do desequilibrio no deseño industrial e económico do Estado”. Neste punto, avanza que “situacións como esta, de prexuízo territorial, precisan do estabelecemento de normativas que poidan corrixilo. A realidade estatal fala de ausencia, quizais buscada, dun deseño industrial, económico e de infraestruturas equilibrado".

De Llano explica que “a localización das sedes sociais e fiscais son polo de atracción da cadea de valor, evidenciado no rexistro de patentes do sector eólico”. A este respecto, insiste en que “variábeis fiscais e de desequilibrio territorial condicionan e consolidan un modelo económico inxusto, polo que é tan importante conseguir que as empresas radiquen a súa sede no territorio onde desenvolven a súa actividade”.

A economista da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e autora da primeira tese de doutoramento sobre o sector eólico na Galiza, Rosa Regueiro, indica a Nós Diario que “Madrid rexistra un elevado número de patentes eólicas porque alí están radicadas as sedes sociais das principais compañías”. Nesta orientación, engade que “as innovacións non teñen lugar nos territorios produtores” e advirte de que “tecnoloxía e desenvolvemento son un todo que se retroalimenta, canto máis avance tecnolóxico hai, máis posibilidades de desenvolvemento existen”.

Regueiro destaca que “a situación explícase porque en Madrid están os centros de concentración do capital e os departamentos de I+D+i precisan nutrirse de forma intensa de capital e iso explica a elevada existencia de patentes alí”. Ao tempo, lembra que “o que hai detrás son os procesos de concentración de capital e os beneficios derivados deste modelo de desenvolvemento eólico”. Uns beneficios, di, que "aquí non quedan e os impostos tampouco se gravan aquí".

"O colonialismo interior"

O coordinador do volume Colonialismo energético e profesor da Universidade de Granada (UGR), Alberto Matarán, asegura a Nós Diario que esta realidade “é propia do colonialismo interno”. Neste sentido, revela que “as empresas eólicas, do mesmo modo que o capital financeiro, teñen os seus centros de poder nos territorios centrais, tanto dentro como fóra da península” e “o desenvolvemento tecnolóxico e as actividades de maior valor engadido, incluíndo os departamentos de xestión a distancia e os de I+D+i, concéntranse nestes centros de poder”.

Matarán reflexiona que “se os lugares onde se xera o coñecemento e a tecnoloxía eólica están lonxe dos territorios afectados e son as grandes empresas as que dominan estes procesos, está claro que as innovacións irán destinadas a favorecer a acumulación por desposesión e non a soberanía enerxética, o que implica e explica a repartición desigual dos beneficios e dos impactos, perdendo a oportunidade de construír unha transición enerxética que sexa máis xusta e diminúa os graves desequilibrios territoriais na península”.


Madrid seguirá sen acoller eólicos unha década máis

Madrid conta coa sede fiscal das principais empresas eléctricas con actividade na Galiza,  pero non conta con ningún megawatt eólico instalado no seu territorio, por unha decisión política dos seus responsábeis públicos. Tanto é así que, en 2004, Esperanza Aguirre salientou que “Madrid non está para producir electricidade”.

O Plan enerxético da Comunidade de Madrid-Horizonte 2030 aposta por manter o territorio madrileño libre de parques eólicos. Neste sentido, entende que Madrid non é un lugar axeitado para o emprazamento deste tipo de instalacións de xeración eléctrica polo “alto impacto ambiental” e pola “imposibilidade de emprazarse en zonas protexidas”. Ao tempo, o documento destaca “a facilidade de Madrid para conseguir doutros territorios enerxías a prezos competitivos”.

Os razoamentos empregados pola patronal eólica para non instalar aeroxeradores en Madrid contrastan cos utilizados na Galiza. Así, o pasado ano, a directora de Comunicación e Relacións Institucionais da Asociación Eólica Española, Piluca Núñez, indicaba que “sucede que Madrid está rodeada de parques naturais, e nos parques naturais non se poden construír parques eólicos”.

Comentarios