Un de cada tres concellos galegos ten muíños... e só un de cada dez españois

A porcentaxe de municipios con parques eólicos operativos na Galiza triplica a media do Estado español.
Parque eólico de Montouto, situado entre os municipios de Abadín e Muras (A Terra Chá), composto por 31 aeroxeradores. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Parque eólico de Montouto, situado entre os municipios de Abadín e Muras (A Terra Chá), composto por 31 aeroxeradores (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Até 35% dos municipios galegos contan con parques eólicos, o que supón a maior taxa do Estado e máis do triplo (25 puntos porcentuais máis) da porcentaxe de 10% da media estatal, segundo o Estudo Macroeconómico do Impacto do Sector Eólico en España, elaborado por Deloitte para a Asociación Empresarial Eólica (AEE).

Neste 35% de municipios da Galiza con parques eólicos vive 21% da poboación galega, mentres que no 10% de municipios do Estado que contan con esta enerxía vive 11% da poboación.

Ademais, a finais de 2022, a Galiza contaba con 183 parques eólicos, 14,1% do total dos existentes no Estado español, e que á súa vez supuñan 9.700 xigawatts de potencia instalada, 15,9% do total. Neste sentido, a gran maioría da potencia eólica a nivel estatal, sinala o estudo, concéntrase só en cinco autonomías, entre elas a Galiza, ademais de Castela León, Aragón, Castela-A Mancha e Andalucía.

Así, a Galiza contribúe coa implantación da enerxía eólica (ademais da importante achega da hidroeléctrica galega) no seu territorio ao cumprimento dos obxectivos estatais de enerxía renovábel, mentres que o canon eólico apenas deixou 22,2 millóns de euros no país en 2022.

Neste sentido, as enerxías renovábeis están a bater récords históricos no Estado e xa representan máis da metade da electricidade consumida durante este ano, cunha cota de 50,8% do mix estatal en 2023, fronte á de 42,2% en 2022, segundo os datos que compartiu esta terza feira o Ministerio español de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico. Ademais, a xeración de enerxías renovábeis no Estado español superou os 135.000 xigawatts/hora en 2023, mentres que o ano pasado ficou nos 116.690.

Comentarios