Xustiza

A sentenza do Tribunal Supremo sobre o parque de Corme non afecta a maioría dos eólicos paralizados polo TSXG

A Sala de contencioso-administrativo do Tribunal Supremo (TS) vén de revogar unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que anulaba a autorización administrativa para proceder a repotenciación do parque eólico Corme G-3, no concello de Ponteceso. O auto determina que que non é preciso obter os informes sectoriais dos proxectos antes do trámite de información pública.

Carlos Lesmes, presidente até o momento do CXPX. (Foto: Europa Press)
photo_camera Carlos Lesmes preside a sala do TS que ditou o fallo a favor de EDP. (Foto: Europa Press)

A Sección Quinta da Sala III do Tribunal Supremo, nunha sentenza onde foi relatora a maxistrada progresista, Ángeles Huet, considera que a licenza outorgada o 16 de setembro de 2019 pola Consellaría e Economía e Industria á multinacional enerxética de capital chinés EDP para repotenciar o parque eólico de Corme axústase a dereito.

O auto do TS  bota abaixo os fundamentos de dereito empregados polo TSXG para anular o proxecto. Neste caso, o órgano xurisdicional galego apuntaba que “o artigo 36.1 de Lei de avaliación ambiental impón que os informes sectoriais deban obterse antes do trámite de información pública, pois respecto diso sinala que ‘esta información pública levarase a cabo nunha fase do procedemento substantivo de autorización do proxecto”.

Os argumentos empregados polo Tribunal Supremo para impugnar esta consideración afirman que “nin a Directiva europea sobre avaliación de repercusión de proxectos públicos e privados sobre o medio ambiente, nin a Lei 21/2013 de avaliación ambiental, impoñen, como requisito formal de obrigado cumprimento, que antes da información pública deba realizarse o trámite de consultas ás autoridades”.

A resolución en Casación do TS abre a porta a diversas interpretacións xurídicas. Mentres que desde o Goberno galego e a patronal eólica consideran que está sentenza obrigara a levantar a suspensión de varios parques ordenada polo TSXG, desde o movemento ecoloxista e os colectivos afectados polos proxectos entenden que o seu alcance limítase só a algunhas instalacións.

A fragmentación dos proxectos eólicos

O profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela (USC)  e especialista na materia, Fernando de Abel, sinala a Nós Diario que “a ausencia de informes sectoriais previos foi un dos argumentos empregados nos autos de paralización de proxectos eólicos polo TSXG” porén destaca que “na maioría dos casos, como os parques de Greenalia de Campelo, Bustelo e Monte Toural a razón de fondo é a indebida fragmentación dun único parque en varios”.

De Abel  insiste que fica “ un longo camiño por percorrer a respecto deses proxectos impugnados, a respecto dos que se invocaron outros motivos impugnatorios que nada teñen que ver co contido da sentenza do Tribunal Supremo”, referida a “non posta a disposición da cidadanía dos informes sectoriais previos”.

O avogado e director de Pérez-Lema asociados, un dos despachos xurídicos con máis experiencia en cuestións eólicas, Xoán Antón Pérez Lema explica a Nós Diario que “a cerna das impugnacións xudiciais e das paralizacións dos proxectos non se basean na ausencia dos informes previos senón nos defectos materiais dos proxectos como a vulneración da lexislación ambiental ou a fragmentación”.

Comentarios