A Galiza produce a cuarta parte dos cereais en gran que xeraba hai 40 anos

A superficie agraria útil (SAU) da Galiza perdeu 311.357 hectáreas en catro décadas, máis da terceira parte, deixando paso á superficie forestal no sector primario, que xa é máis da metade. Así, a colleita de patacas é seis veces menor que en 1980, a de cereais en gran supón 73,4% da produción de hai 40 anos, e as leguminosas en gran recollidas caeron 86,9%.
A Comunidade de Montes Veciñais de Baroña, no municipio de Porto do Son, está a recuperar a produción de millo (Foto: CMVMC de Baroña).
photo_camera A Comunidade de Montes Veciñais de Baroña, no municipio de Porto do Son, está a recuperar a produción de millo. (Foto: CMVMC de Baroña)

Os datos do último estudo sobre superficie agraria útil (SAU) na Galiza corresponden ao ano 2016, e reflicten que o país conta cunha SAU de 621.643 hectáreas. Porén, de retrotraerse catro décadas atrás, en 1976, a Galiza contaba cun total de 933.000 hectáreas dedicadas á actividade agrogandeira. Uns datos que reflicten a perda de 311.357 hectáreas de SAU en 40 anos, máis da terceira parte da superficie cultivada.

Desta forma, a Galiza perdeu a súa autosuficiencia alimentaria e pasou a depender das importacións de insumos e alimentos para deixar paso á produción forestal. Unha situación que explica David Soto Fernández, profesor de Historia Económica da Universidade de Santiago de Compostela (USC), na súa investigación titulada Do manexo multifuncional do territorio á desarticulación produtiva: Cambios nos fluxos de biomasa durante o proceso de industrialización da agricultura galega (1960 - 2012). 

Soto explica que en 1960 existía “unha situación de equilibrio” entre cultivos (31% do total), a rama forestal (38%) e os pastos (31%). Unha estrutura de uso da terra que sofre grandes variacións durante o paso dos anos, así, en 2008, os pastos xa xogan un papel secundario (13%) fronte aos cultivos (38%) e á rama forestal (48%). O desequilibrio afonda durante os seguintes anos, cunha caída importante do peso dos cultivos (28% do total) fronte á biomasa procedente da rama forestal (56%).

Á espera dos novos datos sobre a evolución da SAU en 2022, pois a enquisa realízase normalmente cunha periodicidade de seis anos, os datos non auguran unha recuperación das terras cultivadas na Galiza durante este último período. De buscar o exemplo dun dos produtos para consumo humano máis importantes, como é a pataca, a súa produción na Galiza pasou das 1.702.996 toneladas no ano 1980 ás 283.667 colleitas durante 2020, até seis  veces menos con respecto ás recollidas catro décadas atrás, segundo os datos dos anuarios de estatística agraria.

Caída da produción de cereais na Galiza

A produción de cereais en gran tamén experimentou unha importante baixada durante as últimas catro décadas. Con respecto ao trigo, as toneladas de gran colleitas en 2020 foron 36.075, un dato que contrasta co de 1980, de 50.638. A Galiza, perdeu polo tanto 14.563 toneladas de produción anual de trigo en 40 anos.

No caso da cebada, a produción de 1980 foi de 3.290 toneladas de gran e en 2020 de 1.380, perdendo así 1.910 toneladas de produción deste gran, máis de 60% da produción.

Especialmente pronunciada foi a caída da produción de gran de centeo que sufriu a Galiza durante as últimas catro décadas. Tiña unha produción de 67.776 toneladas en 1980 e a cantidade colleita deste gran en 2020 foi tan só de 14.630. Un descenso na produción de gran de centeo de 53.146, o que significa unha perda de 78,4% da colleita anual deste gran durante as últimas catro décadas.

Pola súa parte, a produción de gran de millo en 1980 era de 434.692 toneladas, unha colleita que en 2020 pasou a ser de 96.074, unha caída de recollida deste gran que tamén é moi pronunciada, de 338.618 toneladas, o que supón unha perda de 77,9% da cantidade colleita catro décadas atrás.

En conxunto, a produción de cereais en gran (trigo, cebada, centeo e millo) na Galiza pasou de 556.396 toneladas anuais, a tan só 148.159 en 2020, cunha perda de 408.237 e de 73,4% da produción en 40 anos.

Baixada nas leguminosas

A produción de leguminosas en gran (feixóns, fabas, garavanzos,  chícharos e veza) experimentou unha das caídas máis importantes nas producións agrícolas da Galiza. Así, mentres que en 1980 a produción de leguminosas en gran era de 29.775 toneladas, en 2020 pasou a ser de 3.914, caendo en 25.861, cunha produción 86,9% e sete veces e media menor que 40 anos atrás.

Comentarios