O desabastecemento xa é unha realidade: empresas agrícolas paralizan a produción pola falta de cereais

Fontes do sector primario sinalan a 'Nós Diario' que a Cooperativa Xallas tivo que cesar a súa produción de alimentos para animais porque "xa non quedan cereais" por mor da guerra en Ucraína.
A guerra en Ucraína acelera o desabastecemento de materias primas (Foto: Monadela).
photo_camera A guerra en Ucraína acelera o desabastecemento de materias primas (Foto: Monadela).

O pasado 8 de marzo o conselleiro do Medio Rural, José González, advertiu que a gandaría galega podería sufrir desabastecemento de materias primas por mor da guerra en Ucraína "en dous ou tres meses", xa que este país é o "primeiro exportador de millo", que ten un papel "fundamental" na alimentación animal.

A suba dos prezos dos combustíbeis e fertilizantes, dixo tamén, pode provocar a "desaparición" da gandaría debido á incapacidade dos gandeiros de pagar os prezos dos produtos, algo que repetiu esta mesma semana.

O titular de Medio Rural explicara entón que "practicamente" desde que comezou a invasión rusa de Ucraína houbo un incremento dos prezos nos mercados internacionais, tanto de cebada como de millo, por riba de 50%. Así, o custo pasou "de 300 euros por tonelada a 420" [no momento das súas declaracións].

Porén, o problema do desabastecemento, que nas últimas datas afectou tamén a produtos como o aceite de xirasol, comeza afectar de pleno ao sector primario da Galiza, antes aínda do agardado.

Fontes do sector confirman a Nós Diario que a Cooperativa Xallas de Santa Comba tivo que paralizar a súa produción de alimentos para o gando porque xa quedou sen cereais.

"Frear" a especulación

A Federación Rural Galega (Fruga) alertou a pasada semana de que os continuos aumentos dos custos de produción, que atribúe a unha "operación especulativa", están a pór "ao bordo da desaparición" unha parte importante das explotacións galegas.

Como explicou nun comunicado, o importante aumento das cotizacións dos cereais dos últimos días, coa "escusa" do conflito que se está a vivir en Ucraína, "supón un elevado risco de desaparición dunha parte moi importante das explotacións agropecuarias galegas".

Comentarios