Análise

Un país sen alimentos

O economista e escritor Marcelino Fernández Mallo prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.
O abandono da produción agraria en favor da plantación de eucalipto é unha política consciente. (Ilustración: Álex Rozados)
photo_camera O abandono da produción agraria en favor da plantación de eucalipto é unha política consciente. (Ilustración: Álex Rozados)

Se Galicia é a terra dos mil ríos, seguramente sexa tamén a dos dez mil muíños. A muiñeira, o baile tradicional galego por excelencia, seica naceu para facer máis levadeiro o tempo de espera para a moenda. Os hórreos son a construción que caracteriza a arquitectura popular galega. Neles gardábanse os alimentos que daba a terra para o consumo da casa. Muíños e hórreos testemuñan o pasado agrario dun país favorecido por unhas condicións climáticas e edáficas óptimas.

O que caracteriza o rural galego actual é a presenza masiva de eucaliptos. Esgótanse os adxectivos para describir o proceso que está a converter o país nun inmenso eucaliptal. Nos últimos corenta anos, Galicia perdeu arredor de 200.000 hectáreas (Has.) de superficie agraria. Inda que a superficie ocupada por eucalipto é difícil de seguir, estímase que nese período, as plantacións de eucaliptos gañaron máis de 300.000 Has.

A situación actual é a seguinte: o eucalipto ocupa arredor de 600.000 Has. de superficie, un 20% do territorio de Galicia. Fronte a esa cifra desorbitante, Galicia dedica 114.900 Has. á suma de cereais en gran, leguminosas, tubérculos, oleaxinosas, hortalizas, froitas, viñedo, oliveiras e hortas familiares. En resumo: Galicia dedica case cinco veces máis superficie a eucalipto que ao cultivo de especies de consumo humano. Ningún outro país do mundo pode igualar un disparate semellante.

O mundo enfronta unha crise formidable en materia de alimentación que propicia dous efectos de inusitada transcendencia

Podemos confrontar estes datos coa media española para observar que mentres Galicia dedica o 1% da súa superficie a cereais en gran, España dedica a ese mesmo concepto o 12%. Así pois, se España admite un risco de desabastecemento de cereal e amosa a súa preocupación polo aumento do prezo de trigo e millo, imaxinemos o estado de total precariedade de Galicia ao respecto. En hortalizas, a comparación é similar: 0,1% da superficie dedicada en Galicia fronte ao 0,5% de España; en froitas, un 0,7% en Galicia fronte ao 3,0% de España; en legumes e oleaxinosas, 0,00% en Galicia fronte ao 0,6% e 1,8% respectivamente en España; en viñedo, o 0,85% en Galicia fronte ao 1,9% en España.

O sector forestal supón tamén un importante potencial de produción dirixida ao consumo humano que en Galicia desprezamos. Falamos de oliveiras, maceiras, pereiras, cerdeiras, ciroleiras, limoeiros, pexegueiros, figueiras, castiñeiros, nogueiras, abeleiras ou amendoeiras. Por certo, calquera destas árbores empeza a dar froito comercializable nun período de tempo inferior ao que se pode extraer madeira dun eucalipto.

O mundo enfronta unha crise formidable en materia de alimentación que propicia dous efectos de inusitada transcendencia: o desabastecemento de artigos básicos e o incremento radical de prezo en moitos artigos. A resposta dos distintos países dependerá da súa capacidade de produción interna. Á vista dos datos anteriores, a situación de Galicia en produtos de orixe vexetal non podería ser máis feble e vulnerable: mentres que España dedica un 25,5% da súa superficie a cultivos para o consumo humano, Galicia reserva a tal fin unicamente o 3,9% do seu territorio.

Abandono agrario

Algúns poden pensar que resulta vantaxista amosar estes datos nun momento no que a presión sobre os alimentos se tornou un problema mundial. Sen embargo, moitos levamos tempo advertindo da situación de total vulnerabilidade de Galicia neste aspecto. Desculpen a auto-cita: dende 2007 ('SOS Rural galego', en Vieiros), redactei decenas de artigos reclamando outra política no medio rural galego. Algún deses artigos ('Galicia, de paisaje natural a inmenso eucaliptal', en Mundiario, 2017) foi compartido miles de veces nas redes sociais. Non había que ser visionario para diagnosticar a doenza; o abandono da produción agraria en favor da plantación de eucalipto é unha política consciente que ten un culpable nítido: o goberno galego, e uns cómplices evidentes: as corporacións locais que colaboran na desfeita.

Semella haber unha certa intención de reacción por parte da Xunta, extremadamente tímida en calquera caso. A Lei de recuperación das terras abandonadas e a disposición transitoria que impide novas plantacións de eucalipto ata 2025 poden ser un exemplo do intento. Con todo, a lexislación ten unha influencia menor sen un cambio de actitude total da Administración. Velaí temos a Lei 7/2012 de Montes de Galicia que prohibía as plantacións de eucalipto en terras agropecuarias ou ocupadas por frondosas caducifolias, ou o Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia que tamén as prohibe nas superficies da Rede Natura. Ambas as súas regulacións foron manifestamente incumpridas sen que ningunha Administración pública actuase para corrixir as evidentes infraccións da norma. Hoxe mesmo, continúa espallándose a presenza de eucaliptos en moitos municipios.

A presenza de eucaliptos segue a espallarse en moitos municipios

O fenómeno estrutural do quecemento global e episodios imprevisibles como a pandemia ou a invasión de Ucraína, canda a retención de certos alimentos en países produtores, obrigan aos gobernos a reaccionar con rapidez para multiplicar a produción de alimentos de orixe vexetal no seu territorio. En Galicia, cómpre actuar se cabe con maior determinación. Entre a recuperación de terras abandonadas e a posible erradicación do eucalipto, habería arredor dun millóns de hectáreas (500.000 por cada orixe) que se poderían dedicar a usos agrarios e forestais de consumo humano.

Hai que activar os recursos dispoñibles (técnicos autonómicos e local, GDRs, centros de investigación, universidades e centros de FP, sindicatos, asociacións, cooperativas...) e lanzar ambiciosos programas de rehabilitación de solos, arrendamento de terras, provisión de sementes, dotación de equipos e promoción da produción máis acaida en cada explotación. Iso ou aceptar a pobreza alimentaria de Galicia e asumir que a alimentación vexetal será nalgún momento un luxo reservado para as rendas altas do país.

Comentarios