Galiza recibirá 224,6 millóns de euros da liquidación do IVE de decembro 2017

En total, o Estado deberá pagar algo máis de 3.062 millóns de euros aos Gobernos das autonomías.
A ministra de Facenda, María Jesús Montero, onte no Congreso. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera A ministra de Facenda, María Jesús Montero, onte no Congreso. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

O Boletín Oficial do Estado español (BOE) recolle nesta quinta feira a orde do Ministerio de Facenda pola que o Goberno terá que pagar 224,6 millóns de euros pendentes da liquidación do Imposte do Valor Engadido (IVE) de decembro de 2017.

En concreto, a Xunta recibirá 211 millóns de euros da liquidación e 13,6 millóns derivados dos impostos de demora, xa que o Goberno español debería ter transferido estes cartos en 2019. A cantidade final é algo superior ás estimacións iniciais da Administración galega.

En total, o Estado deberá pagar algo máis de 3.062 millóns de euros aos Gobernos das autonomías. A Galiza é a quinta que maior cantidade vai recibir do Estado, só por detras de Andalucía (568,6 millóns de euros), Cataluña (560,6 millóns de euros), Madrid (424,7 millóns de euros) e o País Valencià (267,3 millóns de euros).

A lista de autonomías complétase do seguinte xeito: Castela e León (194,8 millóns de euros); Canarias (146,5 millóns de euros); Castela A Mancha (145 millóns de euros); Aragón (101,7 millóns de euros); Extremadura (98,8 millóns de euros); Murcia (85,2 millóns de euros); Asturias (80,2 millóns de euros); Baleares (69,2 millóns); Cantabria (62,6 millóns); A Rioxa (32,3 millóns); Ceuta (2,4 millóns) e Melilla (1,9 millóns de euros).

Sentencia do Tribunal Supremo

O Tribunal Supremo (TS) aceptou a trámite o recurso do Goberno galego contra a intención da Administración estatal de non abonar integramente a recadación do IVE de decembro de 2017.

O conxunto das autonomías presentou recursos deste tipo ante a posición unilateral do Estado. A finais de abril do ano pasado, o Tribunal Supremo xa se pronunciou a favor do requirimento de Castela e León.

Un cambio no sistema de contabilidade impulsado polo ministro de Facenda durante o Goberno de Mariano Raxoi causou que o pago de 2.500 millóns de euros correspondentes ao IVE de finais de 2017 quedaran en punto morto.

Comentarios