Galiza fecha novembro co IPC interanual en 5,9%

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) supera o estatal (5,5%) polo aumento en prendas de roupa e calzado máis en transporte.

Un home merca roupa nun posto ambulante de rúa en Castro Ribeiras de Lea, Castro de Rei, nunha imaxe de arquivo (Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Un home merca roupa nun posto ambulante de rúa en Castro Ribeiras de Lea, Castro de Rei, nunha imaxe de arquivo (Carlos Castro / Europa Press)

A taxa interanual do Índice de Prezos de Consumo (IPC) rexistrada en novembro na Galiza queda en 5,9%, cun aumento dun 0,5% en relación co mes anterior e un 5,7% no acumulado desde o mes de xaneiro.

Na suba deste mes tívose en conta a aumento dun 4,7% nos prezos de vestido e calzado, até situarse a súa taxa interanual no 0,9%, que contrasta co descenso dos prezos de vivenda do -1,9%, e unha variación interanual do 20,4%.

Ademais, o mes pasado aumentaron os prezos do transporte (+0,9%) deixando a taxa interanual nun 13,7%.

IPC no Estado español

No conxunto estatal, o IPC subiu un 0,3% en novembro en relación ao mes anterior e elevou a súa taxa interanual ata o 5,5%, unha décima por enriba da taxa de outubro e o seu nivel máis alto en 29 anos.

A taxa interanual do IPC rexistrada en novembro (5,5%) é unha décima inferior á avanzada a finais do mes pasado polo INE (5,6%). No caso da taxa mensual (0,3%), o dato definitivo tamén é unha décima menor ao que adiantou Estatística (0,4%).

Co dato interanual de novembro, o máis elevado desde setembro de 1992, o IPC encadea a súa undécima taxa positiva consecutiva.

Esta taxa serve, ademais, para calcular canto subirán as pensións contributivas en 2022. Farano ao redor dun 2,5% debido á nova fórmula de revalorización recollida no proxecto de lei de reforma das pensións, na que se ten en conta o IPC interanual media de doce meses (de decembro do ano anterior a novembro do exercicio en vigor). Pola súa banda, as pensións mínimas e non contributivas aumentarán un 3% o próximo ano.

Comentarios